PELOTAZO EN MOS

O BNG anuncia unha ofensiva social e institucional contra o "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos

Gustavo Barcia
Gustavo Barcia

A fronte nacionalista formulou unha alegación pedindo a desestimación da modificación do PXOM de Mos

Promoverán iniciativas no Parlamento de Galiza e nos concellos e realizarán unha campaña social de denuncia

O BNG anuncia unha ofensiva social e institucional contra o "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos

O BNG presentou a nivel comarcal a alegación presentada contra o proxecto dun macrocentro comercial dentro da nova cidade deportiva do Celta en Mos. A fronte nacionalista realizou unha xuntanza de traballo na que participaron os portavoces municipais de Vigo, Xabier P. Igrexas, de Mos, Gustavo Barcia, de Gondomar, Manuela R. Pumar, o responsábel local do Bloque de Redondela, Anxo Lusquiños, o responsábel comarcal, Manuel Caride, e mais o deputado no Parlamento galego, Luís Bará, para poñeren en común o deseño dunha ofensiva social e institucional para denunciar o que cualificaron de "verdadeiro pelotazo ao servizo de intereses escuros".

IMG_20200123_190152_309

O portavoz municipal nacionalista en Mos, Gustavo Barcia, destacou que o que pretende o goberno local do Partido Popular é modificar a cualificación urbanística dun solo rústico de especial protección para aumentar a súa edificabilidade un 200 por cento, o que deixa as claras, segundo explicou, que se trata dun "pelotazo de manual".

"A cidade deportiva do Celta é a escusa para construír un macrocentro comercial de 210 mil metros cadrados que destruirá emprego, provocará o peche do comercio local e terá graves efectos ambientais", resumiu Barcia.

O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, enfatizou a necesidade de protexer o pequeno e mediano comercio que "dinamiza e vertebra os nosos concellos" fronte a grandes áreas que "desertizan o tecido do comercio local e destrúen emprego", e apuntou que hai estudos que cifran en até 3.500 o número de postos de traballo que poderían destruírse nos municipios próximos a Mos por causa do novo macrocentro.

Pola súa banda, Luís Bará asegurou que formación nacionalista usará "todos os medios ao noso alcance" para tentar impedir que o proxecto se chegue a materializar. "Estamos diante dunha batalla dura e longa, pero estamos convencidos de que imos gañar porque é de xustiza", apuntou.

Bará denunciou a responsabilidade do Partido Popular neste "atentado aberrante" e advertiu que a modificación do PXOM de Mos supón unha clara vulneración dos principios de ordenación do territorio e da loita contra os efectos do cambio climático.

Dentro da campaña de oposición que porán en marcha nos próximos días, Bará explicou que a mesma incluirá iniciativas institucionais tanto no Parlamento galego como nos concellos afectados, así como a realización de denuncia pública e información denunciando os graves efectos que o macrocentro comercial proxectado terá no pequeno e mediano comercio de Mos e dos concellos próximos. Aliás, o deputado nacionalista anunciou que volverán demandar unha moratoria na concesión de licenzas e autorizacións para novas grandes áreas.

IMG_20200123_190221_557

 

Alegación

Despois de que se presentaran publicamente 5 mil alegacións contra a modificación do PXOM de Mos, o BNG deu a coñecer tamén o seu escrito presentado contra o que definiron como "barbaridade urbanística".

 

Alegación do BNG contra o pelotazo do PP e o Celta: 

https://bit.ly/2NU3Mei

 

 

O BNG anuncia unha ofensiva social e institucional contra o "pelotazo" da cidade deportiva do Celta en Mos