O PELOTAZO DO PP

O BNG insta á Xunta a retirar a modificación da Lei do Solo coa que pretende legalizar un macrocentro comercial en Mos

Luís Bará e Gustavo Barcia
Luís Bará e Gustavo Barcia

Luís Bará cre que se quere favarocerer a entrada de grandes grupos empresariais que levan anos intentando instalarse na comarca

O candidato a alcaldía polo BNG, Gustavo Barcia, afirma que o Goberno do PP pretende expropiar os terreos para vendelos a unha empresa privada

O BNG insta á Xunta a retirar a modificación da Lei do Solo coa que pretende legalizar un macrocentro comercial en Mos

     O Deputado do BNG Luis Bará reclamará no Parlamento Galego a retirada da proposta de modificación da Lei do Solo tramitada a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2019, coa que se pretende legalizar a expropiación dos terreos para a cidade deportiva e o macrocentro comercial do Real Club Celta nos montes de Tameiga, Pereiras e Cela. O BNG insta ademais á Xunta a rexeitar a autorización para modificar o Plan Xeral de Mos e evitar a desfeita social, ambiental e económica que provocaría este proxecto.

    Bará explicou a iniciativa parlamentaria na sede local do BNG en Mos e denunciou as irregularidades do proxecto. Segundo o deputado, “todo o proceso de tramitación cheira a cacicada a e a cambalache”, xa que se realizou primeiro o anuncio, nun acto público no que participaron a alcaldesa e o presidente da Xunta, para forzar posteriormente os cambios legais e os informes favorables que permitan materializar o pelotazo urbanístico. Na opinión de Bará, “a Xunta e o Concello queren favorecer a entrada de grandes grupos empresariais e fondos de especulación que levan anos intentando instalarse na comarca de Vigo”.

    O Goberno Municipal iniciou xa os trámites para modificar o PXOM e cambiar a cualificación dos terreos, de protección forestal, para destinalos a usos terciarios e dotacionais. O candidato do BNG á alcaldía de Mos, Gustavo Barcia, compareceu xunto a Bará e denunciou que o goberno de Nidia Arévalo quere declarar a actuación de utilidade pública “para poder realizar as expropiacións e logo entregar os terreos a unha empresa privada”. Entende ademais que a Xunta, se autoriza a modificación do Plan Xeral, fará “un uso perverso das leis coa intención de favorecer un proxecto e un promotor privado”.

 

Artigo 117 bis

A Xunta coou, na Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2019, unha modificación da Lei do Solo co obxectivo de facilitar a proxecto promovido polo Real Club Celta en Mos. De acordo co artigo 117 bis, redactado a medida para legalizar esta actuación, “poderá atribuírse a condición de beneficiario da expropiación a persoas naturais ou xurídicas para que adquiran a propiedade de todos os bens e dereitos incluídos no ámbito de actuación, aboando o seu xusto prezo, e executen as obras de urbanización”.

Na iniciativa parlamentaria, o BNG reclama a retirada da modificación da Lei e solicita unha moratoria na autorización de macrocentros comerciais. Ademais, recorda que o proxecto do Celta conta cun forte rexeitamento por parte da veciñanza, xa que vai ter un forte impacto negativo no monte, nas augas e na contorna tanto pola construción dos equipamentos deportivos e comerciais como pola construción dos accesos desde a autovía A55.

 

Óscar Rodriguez Campo

Responsábel local do BNG

mos@bng.gal
Telf.: 608088383