EDUCACIÓN

O BNG lamenta a falta de ética do PP co banco do Colexio de Atín

CEIP Atín
CEIP Atín

Nidia Arévalo organizou un acto propagandístico con escolares para regalarlles material de campaña do Partido Popular

Gustavo Barcia denuncia o “intento de obter rédito político” dunha iniciativa da ANPA e o uso das crianzas con fins partidistas

O BNG lamenta a falta de ética do PP co banco do Colexio de Atín

O BNG de Mos vai remitir un escrito á Consellería de Educación para denunciar o uso partidista que Nidia Arévalo pretende facer dos centros educativos do concello. O último exemplo viviuse esta mesma semana, a raíz dunha iniciativa da ANPA do Colexio de Atín, que propuxo crear un banco da amizade para fomentar a integración das meniñas e dos meniños. En resposta, a alcaldesa decidiu regalarlles o mesmo banco que ela empregara na campaña electoral sen preocuparse tan sequera por quitarlle a simboloxía do Partido Popular e organizou un acto propagandístico no centro para facer a entrega.

O portavoz do BNG no Concello, Gustavo Barcia, lamenta que o PP pretendera “obter descaradamente rédito político” dunha iniciativa da ANPA e denuncia “un novo intento de facer política aproveitándose da imaxe das crianzas”. A alcaldesa e a concelleira de Educación presentáronse no colexio para sacar a foto cos escolares, distribuíla aos medios de comunicación e subila ás redes sociais e á páxina web do Concello. Barcia lamenta que estas canles de comunicación institucionais foran utilizadas, máis unha vez, “coma unha ferramenta de propaganda ao servizo do PP pagada por toda a veciñanza”.

Recortes en Educación

O acontecido no Colexio de Atín pon de manifesto, segundo Barcia, “a falta de ética e escrúpulos de Nidia Arévalo, que amosa moi pouco respecto polas leis que protexen a imaxe dos menores de idade”. Por outra parte, o concelleiro nacionalista considera que esta situación é consecuencia tamén da precaria situación económica do Concello de Mos, “que non ten diñeiro nin tan sequera para mercar un banco para un colexio”. De cara ao próximo ano, goberno do PP reduciu en 5.000 euros a partida recollida no orzamento municipal para o mantemento das escolas, que pasará de 25.000 euros en 2019 a 20.000 en 2020.

O BNG lamenta a falta de ética do PP co banco do Colexio de Atín