AS CHAPUZAS DO PP

O BNG de Mos alerta sobre o continuo deterioro do parque da Pateira

As enchentes do Louro cobren periodicamente o lugar e deixan os elementos de ximnasia inutilizables

Gustavo Barcia: “non vale de nada construír parques novos se deixamos morrer os que xa temos”

O BNG de Mos alerta sobre o continuo deterioro do parque da Pateira

    A última enchente do río Louro volveu poñer de manifesto un problema que se vén repetindo dende hai anos na parroquia de Mos. O parque biosaudable da terceira idade situado no lugar da Pateira quedou totalmente asolagado e acabou cuberto, unha vez máis, por restos de area e pedras que dificultan o acceso aos usuarios.

   O BNG de Mos vén alertando sobre esta situación dende hai oito anos, cando empezou a ser preocupante o deterioro das instalacións, pero o goberno do PP non tomou as medidas precisas para atallar o problema. En xullo de 2013 o grupo municipal do BNG chegou a solicitar no pleno a retirada dos elementos de ximnasia e o seu traslado a outra zona do concello, pero a solicitude foi rexeitada. O lugar foi saneado cando se axeitou o Paseo do Louro, pero foi unha solución temporal, xa que o río, seguindo o seu curso natural, acaba enchendo a zona periodicamente.

Manter o patrimonio

   En opinión do candidato á alcaldía do BNG, Gustavo Barcia, “non vale de nada construír parques novos para sacar a foto se logo deixamos morrer os que xa temos, coma o da Pateira”. A maior parte dos elementos metálicos do parque están rotos e enferruxados. No seu estado actual son totalmente inutilizables e poden resultar mesmo perigosos para as persoas que se achegan ao lugar. Dende o BNG lembran, ademais, que o concello corre o risco de atoparse no futuro cun problema similar no parque que se está a construír no entorno da Pesqueira, noutra zona inundable á beira do Louro.

 

Enlace a video: https://www.facebook.com/bng.demos/videos/546316405870438/?t=0