O BNG de Mos amosa o seu desacordo coa concesión da Medalla ao Mérito Deportivo

A alcaldesa anunciou o recoñecemento a Brais Méndez antes de consultar aos portavoces da oposición no Concello 

O goberno do PP busca posicionar á opinión pública a favor do proxecto que o Celta pretende desenvolver en Tameiga 

O BNG de Mos amosa o seu desacordo coa concesión da Medalla ao Mérito Deportivo

 O BNG de Mos amosou no pleno o seu desacordo coa concesión da medalla ao mérito deportivo ao futbolista Brais Méndez, entre outros motivos, pola forma en que o goberno do PP tomou a decisión e realizou o anuncio aos medios de comunicación. 

Lonxe de buscar un consenso antes de outorgar o recoñecemento, a alcaldesa soltou a noticia sen falar previamente cos demais grupos representados no Concello. Ademais, o venres pasado realizouse un acto no que se reuniu a decenas de escolares co futbolista, creando un ambiente social proclive á concesión e poñendo dificultades á expresión de calquera tipo de oposición á decisión. Dende o BNG entenden que este acto foi organizado intencionadamente para maior gloria da alcaldía, aproveitando deste xeito a fama dun veciño. 

O grupo municipal expresou tamén as súas dúbidas sobre a idoneidade da concesión da medalla a un rapaz de 21 anos que acaba de comezar a súa traxectoria deportiva. Desde o convencemento de que o futbolista acumulará novos e maiores méritos nos próximos anos, a opinión do BNG é que esta decisión se tomou de forma precipitada. 

Por outra parte, cómpre non esquecer que a empresa para a que traballa Brais Méndez é o Real Club Celta SAD e o BNG xa expresou publicamente a súa oposición a realizar actos públicos nos que esta entidade tome parte directa ou indirectamente, xa que se intenta posicionar a parte da poboación de Mos a favor do proxecto que o Celta pretende levar a cabo no monte de Tameiga. 

Trivializando as medallas 

Coa concesión deste recoñecemento, o goberno do PP está trivializando e banalizando a concesión das medallas honoríficas do Concello e dende o Grupo Municipal do BNG volveron reclamar a retirada da que se lle outorgou no seu momento a Pórtico Básico, unha empresa que deixou na rúa a decenas de persoas. 

 

Óscar Rodriguez Campo 

Responsábel local do BNG 

mos@bng.gal 

Telf.: 608088383