MEDIO AMBIENTE

O BNG de Mos denuncia a falta de previsión para aplicar a normativa antiincendios

A Xunta esixe que as parcelas próximas ás casas estean limpas a 31 de maio, pero o goberno do PP non actuou ata esta semana

Gustavo Barcia alerta sobre o estado de abandono dunha parcela en Puxeiros e o risco de que o lume se estenda aos edificios próximos

O BNG de Mos denuncia a falta de previsión para aplicar a normativa antiincendios

O Concello de Mos acaba de aprobar un Plan contra Incendios no que se inclúen, de acordo coa información oficial, “15.000 fincas que deberán ser limpadas polos seus propietarios”, unha medida que chega con varios meses de demora. Dende o BNG lembran que a administración local ten a obriga de garantir que existan faixas de protección en torno aos núcleos de poboación e denuncian a falta de previsión do goberno do PP. A lista das parcelas que incumpren a normativa faise pública agora, en pleno mes de xullo, cando a Xunta establece o 31 de maio como data límite para que os terreos máis próximos ás vivendas estean libres de maleza, acacias, eucaliptos e piñeiros.

O portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia, sinala que “no termo municipal existen numerosos exemplos de lugares onde a lei se incumpre de forma evidente” e acusa ao goberno de Nidia Arévalo “deixar de lado as súas responsabilidades en materia de prevención de incendios”. Na súa opinión, “estando en temporada de alto risco, non é o mellor momento para acometer a limpeza dos montes, xa que non é a primeira vez que unha chispa dunha máquina provoca un incendio”.

Parcela abandonada en Puxeiros

O concelleiro do BNG pon como exemplo da “neglixencia do goberno” a existencia dunha finca cuberta de silveiras en plena Avenida de Puxeiros, nunha das zonas do concello con maior densidade de poboación. O terreo está situado entre un establecemento de hostalería e un taller de automoción e, no caso de que un incendio se iniciara no lugar, Barcia estima que “as lapas poderían estenderse con moitísima rapidez”. Por este motivo, reclama que o novo concelleiro de Medio Ambiente adopte, “con carácter inmediato”, as medidas oportunas para garantir que o propietario manteña a súa parcela en perfecta orde de limpeza.