ALERTA SANITARIA

O BNG de Mos solicita participar na comisión de seguimento do coronavirus

Gustavo Barcia
Gustavo Barcia

Gustavo Barcia defende a necesidade de facer partícipes a todos os grupos da corporación da xestión da crise sanitaria.

O BNG constata o malestar que existe entre a veciñanza ante o carácter propagandístico de certos anuncios realizados polo goberno de Nidia Arévalo. 

O BNG de Mos solicita participar na comisión de seguimento do coronavirus

Dende o comezo da alerta sanitaria do COVID-19, o BNG de Mos ofreceu a súa colaboración ao goberno municipal e realizou unha labor construtiva de oposición, achegando propostas para minimizar o impacto da crise e poñendo sobre a mesa as necesidades de equipamento do persoal dos servizos municipais. Ante unha unha situación que afecta o conxunto da poboación, o BNG entende que todos os grupos da corporación deben ser partícipes da toma de decisións, por iso o portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, solicitou que o grupo municipal do BNG estea representado na comisión de seguimento do coronavirus. 

En opinión de Barcia, “Nidia Arévalo preferiu apoiarse na estrutura local do Partido Popular en lugar de buscar o consenso de todos os grupos políticos do Concello”. Entende, ademais, que o PP está a utilizar unha dobre vara de medir, “xa que Pablo Casado esixe que o goberno do Estado conte coa súa opinión, pero a alcaldesa de Mos non se aplica o mesmo conto”. O concelleiro nacionalista considera que a información que se lle está ofrecendo á oposición é insuficiente e reclama unha maior transparencia na xestión durante as semanas de confinamento. 

Do mesmo modo, o BNG defende a necesidade de manter vivos os mecanismos de fiscalización da acción do goberno. Barcia insiste en que “aínda que esteamos en estado de alarma, a democracia non para” e por iso lle pediu ao goberno municipal que busque algunha forma de celebrar, telematicamente, o pleno do mes de abril previsto para o luns 27. “Coa convocatoria dunha xunta de portavoces non abonda”, en opinión Barcia, “xa que se están tomando decisións importantes e a veciñanza ten moitas dúbidas que a alcaldesa debe aclarar no pleno”.

Preocupación ante o uso político da situación

No seo do BNG existe inquedanza ante as mensaxes que se están a transmitir a través das canles oficiais do Concello. “A oposición apenas recibe información, pero a veciñanza está a ser bombardeada con anuncios de carácter propagandístico nas redes sociais e na prensa”, indica Barcia. “Moitas persoas trasladáronnos o seu malestar pola forma en que se están a comunicar certas decisións, xa que teñen a impresión de que o goberno do PP quere obter un beneficio político desta situación”. Un bo exemplo sería unha nota de audio difundida hai uns días, onde a alcaldesa “mentía descarada e conscientemente” sobre as restricións de mobilidade. “Cando pase todo isto, teremos que pedirlle explicacións á señora Arévalo”, advirte o portavoz do BNG. 

O BNG de Mos solicita participar na comisión de seguimento do coronavirus