EDUCACIÓN

O BNG presenta unha batería de propostas para mellorar os colexios públicos de Mos

Gustavo Barcia consultou a usuarios e traballadores dos centros educativos do concello para coñecer as súas demandas

Reclaman melloras nas infraestruturas e reforzos de persoal para garantir a seguridade e atender mellor ao alumnado

O BNG presenta unha batería de propostas para mellorar os colexios públicos de Mos

O grupo municipal do BNG levará ao pleno do mes de outubro as demandas dos usuarios e o persoal dos colexios públicos de Mos. Coincidindo co inicio do curso, o portavoz nacionalista no concello, Gustavo Barcia, realizou unha serie de consultas para coñecer de primeira man as súas necesidades. En moitos casos é o propio Concello quen debe poñer os recursos e o persoal necesario para cubrir estas carencias, pero naquelas cuestións que son competencia da Xunta, Barcia vaille reclamar ao goberno municipal “que intermedie e presione para que se acometan as melloras precisas canto antes”.

No concello de Mos existen na actualidade cinco colexios públicos e todos eles teñen necesidades sen cubrir de cara ao curso 2018-2019 que acaba de comezar. No CEIP Pena de Francia e no Mestre Valverde Maio de Sanguiñeda denuncian a ausencia dun plan de protección que debe ser elaborado polo Concello para garantir a seguridade do estudantado nas horas de entrada e saída. Son tamén frecuentes as reclamacións de melloras nas infraestruturas, particularmente nos centros educativos máis antigos. En Sanguiñeda demandan, por exemplo, un patio cuberto máis amplo; en Atín un novo acceso ao pavillón e en Petelos aseos nos ximnasios. Son todas elas vellas reivindicacións que seguen sen ser atendidas.

Reforzos de persoal

Moitas das demandas dos colexios públicos están relacionadas, tamén, coa necesidade de reforzar o persoal en diferentes áreas. No CEIP Mestre Martínez Alonso necesitan un mestre por 25 horas que lles permita desdobrar unha aula con alumnos de necesidades especiais e no Valverde Maio solicitan un orientador con praza fixa que poida realizar un seguimento adecuado do alumnado. En Petelos denuncian, ademais, os prexuízos derivados de que o conserxe teña que rotar por diferentes centros educativos.

 

 

Demandas dos colexios de Mos:

 

Colexio Pena de Francia:

• Non existe plan de protección, este ten que ser elaborado polo concello.

• Hai arbores dentro do recinto que deben ser cortadas xa que non cumpren coa normativa.

• Así mesmo hai vexetación dentro do recinto que incumpre a normativa contra incendios.

• A rampla de acceso ao pavillón está sen rematar.

• A cerca ao carón do pavillón está en mal estado e é insuficiente xa que calquera rapaz pode

saltala.

• O patio infantil está deteriorado.

• As pistas son de piche, ademais os elementos como porterías e canastras están enferruxados

e deteriorados.

• Os canlóns dos tellados están completamente rotos e enferruxados.

• O aparcadoiro dos profesores está levantado con pedras, e require un asfaltado.

• O xardíns e a contorna está abandonado con silvas e maleza.

 

Colexio Mestre Valverde Maio Sanguiñeda:

• Non ten plan de autoproteción, hai tres anos existía pero coa última reforma que tivo o

colexio este quedou invalidado pois hai novas entradas e saidas.

• Necesitan un patio cuberto mais amplo pois o que teñen é moi pequeno, teñen mais de 200

alumnos.

• A aula multiusos necesita un escenario, é necesario para as múltiples actividades que

realizan.

• Necesitan un pequeno almacén onde gardar material, xa que o teñen desperdigado por todo

o colexio.

• Hai que cortar e podar as árbores, xa que están moi grandes e ameazan a integridade do

colexio, de feito hai unha árbore caída dende marzo.

• Sería necesario un aparcadoiro para os pais, xa que polas mañás é un caos.

• Que se faga unha limpeza profunda do colexio cando non haxa clases no verán.

• Que se cree unha praza de orientador fixa no colexio, agora teñen un provisional que vai

rotando, o cal imposibilita un seguimento do alumnado.

• Cambiar os falsos teitos.

• Detrás do pavillón hai inundacións, reformalo.

 

Colexio de Atín:

• Necesita un cambio de carpintería e dos falsos teitos, cambiouse parcialmente pero mais da

metade do colexio está sen cambiar.

• Necesitan o novo acceso polo pavillón, xa se solicitou hai tres cursos e a cousa segue igual.

• Cambio dunha cuberta de uralita.

 

Colexio de Petelos:

• Necesita aseos no ximnasio.

• Hai que facer unha remodelación do colexio en canto a eficiencia enerxética, xa que gastan

moito en calefacción e aínda así pasan frío polo mal illamento.

• O curso pasado non foi ningunha limpadora ao final de curso.

• Que o conserxe rote por outros colexios é un perxuizo.

• Que se actualice o ROC.

 

Colexio Mestre Martinez Alonso Mos:

• Ao seres o colexio mais novo é o que menos incidencia mostra.

• As súas necesidades van mais encamiñadas cara a consellería que a o concello, inda así o

concello pode tratar de mediar ou presionar para que se atendan estas demandas.

• Necesitan un mestre por 25 horas para poder desdobra unha aula con alumnos de

necesidades especiais, só llo concederon por 10 o cal non permite facer o desdobramento.

• Tamén reclaman que se aclare o tema da itinerancia, xa que teñen un profesor que vai dúas

horas, unha das cales empregaría para desprazamento coa mingua que supón para o colexio.

• Tamén solicitan que se faga un novo ROC xa que o que hai é de 1997.