ALERTA SANITARIA

O BNG reclama “máis garantías sanitarias e menos propaganda” no reparto de máscaras

Gustavo Barcia
Gustavo Barcia

Gustavo Barcia defende a necesidade de modificar o protocolo de entrega para deixalas nas caixas de correos xunto a un documento con recomendacións de uso.

A insistencia do goberno municipal en “facerse fotografías e colgarse medallas” pon en situación de risco á veciñanza, ao voluntariado e ao persoal municipal.

O BNG reclama “máis garantías sanitarias e menos propaganda” no reparto de máscaras

O BNG de Mos denunciou xa en reiteradas ocasións a falta de rigor do goberno municipal á hora de adoptar medidas de seguridade fronte á pandemia do coronavirus e o reparto das máscaras hixiénicas nas últimas semanas volveu poñer de manifesto numerosas irregularidades nos protocolos de actuación. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, cre que “Nidia Arévalo está antepoñendo os seus intereses políticos á saúde da veciñanza” e reclama que se revise a forma en que se está facendo chegar este material aos domicilios de todo Mos.

Nun escrito remitido ao goberno municipal, o BNG reclama que as máscaras, en lugar de ser entregadas en man, sexan depositadas nas caixas de correos para evitar o contacto directo coa xente e reducir, deste modo, o risco de contaxio. Xunto con esta medida, o BNG defende a necesidade de informar axeitadamente á poboación sobre as características técnicas do material que se lles está entregando e a forma en que debe ser utilizado. Cunha simple nota, distribuída xunto ás máscaras, quedarían resoltas moitas dúbidas sobre cando é preciso poñela, como se debe colocar e de que maneira hai que lavala para a súa reutilización.

“Obsesión” por facerse a foto

Outra situación que está a denunciar a veciñanza é a “obsesión” do goberno municipal por facerreportaxes fotográficas e de vídeo protagonizadas polos concelleiros do PP dende o inicio da crise. En opinión de Gustavo Barcia, “o seu afán innecesario por facerse fotografías e colgarse medallas” está levando a incumprir reiteradamente os protocolos establecidos polo Ministerio de Sanidade en canto a distanciamento social. Abonda con botar unha ollada ás noticias publicadas na páxina web do Concello nas últimas semanas para atopar numerosos exemplos gráficos das irregularidades denunciadas polo BNG.

Gustavo Barcia reclama “máis garantías sanitarias e menos propaganda” na xestión da crise do COVID-19 no concello de Mos. Cre que se está poñendo en situación de risco á veciñanza, ao voluntariado e ao propio persoal municipal e solicita que se extremen as medidas de seguridade para evitar contaxios. Non só no reparto de máscaras, senón tamén na entrega de alimentos ou en calquera outra acción que esixa algún tipo de contacto coas persoas, particularmente coa poboación considerada de alto risco.

 

Escrito remitido ao goberno municipal: https://cutt.ly/Reparto-mascaras

 

O BNG reclama “máis garantías sanitarias e menos propaganda” no reparto de máscaras