TRANSPORTE URBANO

O BNG reclama máis paradas do servizo comarcal de autobús ao seu paso por Mos

Parada Puxeiros
Parada Puxeiros

O proxecto da Xunta contempla unha única parada en Puxeiros para as liñas que atravesan o termo municipal a través da N-120 e a A-55

O documento da Consellería de Infraestruturas presenta numerosos erros e contradicións sobre a demanda actual do servizo

O BNG reclama máis paradas do servizo comarcal de autobús ao seu paso por Mos

O concello de Mos sairá moi prexudicado se sae adiante a proposta para o transporte de viaxeiros por estrada realizada dende a Xunta de Galiza. Así o entende o BNG, que pediu explicacións no último pleno ante a inacción do goberno do PP. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, preguntou se o Concello de Mos presentara algunha alegación ao proxecto da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e a resposta, por parte da concelleira Julia Loureiro, foi que o proxecto afectaba só a dúas liñas, minimizando así o seu impacto real.

Ante o desleixo do goberno municipal o BNG de Mos, en conxunto co da Comarca de Vigo, decidiu presentar unha serie de alegacións encamiñadas a garantir unha mobilidade sustentábel e responsábel. O Consello Local do BNG defende a necesidade de que as liñas de transporte público das comarcas do Baixo Miño e Condado-Paradanta que atravesan Mos a través da N-120 e a A-55 conten, como mínimo, con tres paradas en Sanguiñeda, diante da casa do Concello e en Puxeiros. Deste modo, o servizo podería contribuír a fortalecer a cohesión social, a garantir a seguridade e preservar o uso en condicións dos espazos públicos, algo que este proxecto non cumpre.

Erros no documento

O BNG denuncia, ademais, que o documento elaborado pola Consellería non é válido para unha correcta avaliación da proposta. Presenta numerosos erros e contradicións, un exemplo son as cifras relativas á demanda actual de mobilidade no concello de Mos. Neste sentido, os datos do anteproxecto para a zona do Baixo Miño e o sur da comarca de Vigo (XG883) son distintos dos que figuran no apartado correspondente á zona sur da comarca da Paradanta e O Condado (XG888):

RUTA XG883 XG888
Vigo – Mos    3.285 3.810
Vigo – O Porriño 27.466 25.433
Mos – O Porriño 1.273 1.812
Mos – Vigo 2.857 3.810

 

Por outra parte, na propia memoria do documento indícase que “a capacidade da Administración para establecer as tarifas a abonar polas persoas usuarias en cada caso inclúe a posibilidade de establecer bonificacións xerais”. O BNG entende que as tarifas e as bonificacións correspondentes deben quedar xa definidas con claridade no propio anteproxecto e que deben ser, ademais, de carácter obrigatorio e non opcional.