MOS COAS IDEAS CLARAS

Gustavo Barcia: “Onde goberna o BNG as cousas cambian, e cambian para mellor”

O candidato á alcaldía definiu aos membros da lista coma “un equipo de persoas solventes, con experiencia e con ilusión por facer un Mos novo”

O acto contou coas intervencións da deputada Montse Prado e do actual portavoz no Concello, Miguel Anxo Aldea

Gustavo Barcia: “Onde goberna o BNG as cousas cambian, e cambian para mellor”

O auditorio do Pazo de Mos acolleu a presentación pública da candidatura do BNG para as próximas eleccións municipais, un acto aberto a toda a veciñanza no que o candidato á alcaldía, Gustavo Barcia, adiantou algunhas das liñas mestras do seu proxecto para Mos. Na súa intervención, ofreceu “traballo duro e honestidade” e prometeu “dar a cara, afrontar o problemas deste concello de fronte e pelexar contra quen faga falta para defender os intereses da veciñanza”.

Barcia presentou aos membros da súa candidatura coma “un equipo de persoas solventes, con experiencia e sobre todo con ilusión por facer un Mos novo”. Defendeu tamén o modelo de concello do BNG, poñendo como exemplo o traballo realizado nos últimos anos en localidades como Tomiño, Moaña ou Pontevedra. O aspirante á alcaldía afirmou que “onde goberna o BNG as cousas cambian, e cambian para mellor” e dixo que chega a estas eleccións “coas ideas claras para que Mos teña uns servizos públicos de calidade e para que ninguén teña que marchar fóra por falta de oportunidades”.

O proxecto do R.C. Celta para construír unha cidade deportiva e un centro comercial en Mos estivo presente tamén no discurso de Barcia, que reiterou o seu rexeitamento á modificación do Plan Xeral. Reivindicou a oposición firme do BNG a este proxecto fronte ás dúbidas doutras forzas políticas ao dicir que “nós non nos dobregamos nin nos vendemos ante especuladores do monte e a auga”.

“A única oposición real”

A candidatura encabezada por Barcia contou, no acto de presentación, co apoio da deputada no Parlamento Galego Montse Prado, que amosou o seu convencemento en que o BNG obterá un gran resultado, tanto nas eleccións xerais como nas municipais.

Tamén interviu o actual portavoz no Concello, Miguel Anxo Aldea, que recomendou ao seu sucesor á fronte da candidatura “prudencia e firmeza” no seu labor político. Aldea, que vai ocupar o segundo posto na lista para o 26 de maio, destacou no seu discurso que “nestes dez anos, logo da moción de censura, o BNG foi a única forza política que fixo unha oposición real dentro e fóra do concello” e defendeu a “seriedade” do seu traballo á fronte do grupo municipal. Segundo Aldea, o BNG “fuxiu do radicalismo estéril e do infantilismo esquerdista que tanto se prodigou neste último mandato”.

 

Candidatura do BNG de Mos para as eleccións municipais

01. Gustavo Barcia Seijo

02. Miguel Anxo Aldea Moscoso

03. Mari Carme Vila Blanco

04. María Cristina Represas Romero

05. David Otero Blanco

06. Alberto Barreiro Ricón

07. Helena López Fernández

08. Tania Jorge Santos

09. Severino Romero Rivero

10. Adelino Fernando Gomes dos Santos

11. Tareixa Mariña Lourido Giráldez

12. María Isabel Ramilo Rivero

13. Francisco García Cobas

14. Samuel Pereiro Pérez

15. JeniferMunín Alonso

16. Iolanda Otero Seijo

17. Xosé Carlos Cabaleiro Romero

Suplentes:

01. Xoán Carlos RomeroMontes

02 Marta Moreira Fontán

03. Óscar Rodríguez Campo