CONTAS MUNICIPAIS

Gustavo Barcia pide explicacións pola “nefasta xestión económica” do PP

Gustavo Barcia
Gustavo Barcia

As contas do Concello de Mos para 2020 terán que sufrir novos recortes para compensar o remanente negativo de 1.300.000€ do último ano

O gasto en eventos como o Día da Rosa ou a Cabalgata de Reis superou con creces a cantidade prevista inicialmente no orzamento

Gustavo Barcia pide explicacións pola “nefasta xestión económica” do PP

O último pleno do Concello de Mos serviu para certificar, máis unha vez, a delicada situación das arcas municipais. O goberno de Nidia Arévalo presentou a liquidación de 2018 no mes de outubro, con varios meses de demora respecto ao procedemento habitual e o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, considera que o resultado “é a demostración empírica da nefasta xestión do Partido Popular”. O último exercicio pechouse cun remanente negativo de tesourería de máis de 1.300.000 euros, que veñen sumarse aos 877.000 euros de 2017.

Barcia xa advertiu no pleno de que “chove sobre mollado” e lembra que o Concello xa tivo que poñer en marcha un plan económico para paliar a situación. O resultado negativo da liquidación vai obrigar a introducir novas retalladas no orzamento de 2020, tal como se fixera no de 2019. As contas para o próximo ano levaranse a pleno, previsiblemente, no mes de novembro e o concelleiro do BNG está convencido de que “o goberno tratará de vendelas coma un triunfo, sen facer ningún tipo de autocrítica”.

Exemplos de malgasto

As contas municipais de 2018 reflicten “a falta de seriedade do goberno do PP”, segundo o portavoz nacionalista, que pon varios exemplos do “malgasto” en distintos eventos ao longo do ano. A Festa da Rosa, para que estaba previsto un gasto de 18.000 euros acabou supoñendo un desembolso de máis de 38.000 e a Cabalgata de Reis, orzamentada en 10.000 euros, acabou custando 34.000, máis do triplo do que estaba previsto inicialmente. Barcia denuncia que outras partidas, por contra, teñen un orzamento inflado “para presumir de investimento” e pon o exemplo da destinada á conservación e mantemento das escolas”. O importe inicial era de 45.000 euros, pero só chegaron a executarse 15.000.