COVID-19

A irresponsabilidade da alcaldesa de Mos: en plena pandemia percorre as casas dos maiores para sacarse fotos

As redes sociais do concello enchéronse estes días de imaxes de Nidia Arévalo visitando aos matrimonios que celebran as súas vodas de ouro

O BNG advirte de que se está a desatender a recomendación de reducir os contactos sociais, particularmente coa poboación en idade de risco

A irresponsabilidade da alcaldesa de Mos: en plena pandemia percorre as casas dos maiores para sacarse fotos

 O concello de Mos presenta dúas facianas opostas e contraditorias a través da súa web e das redes sociais: por unha parte, presume de estar á vangarda na prevención da covid-19 e pola outra, comparte fotografías nas que se ve como os membros da equipa de goberno actúan de forma neglixente. Nesta última semana, foi posible realizar un seguimento do percorrido que Nidia Arévalo fixo polas casas dos matrimonios do concello que celebraron as súas vodas de ouro en 2020. Tradicionalmente estas parellas viñan sendo homenaxeadas cada verán na coñecida popularmente como “Festa dos Vellos”, pero este ano non se puido celebrar, de modo que a alcaldesa decidiu persoarse casa por casa para entregarlles un agasallo e sacar a correspondente foto para o Facebook.

O portavoz do BNG no concello de Mos, Gustavo Barcia, considera que “a obsesión pola foto do Partido Popular roza o esperpéntico”, pero neste caso cre que o comportamento de Nidia Arévalo foi máis alá e cualifica de “temeridade” a súa falta de respecto polas recomendacións sanitarias. “Mentres as autoridades recomendan reducir os contactos sociais e ter un coidado especial coas persoas vulnerables, a alcaldesa dedícase precisamente ao contrario”, segundo Barcia. O concelleiro nacionalista denuncia que a alcaldesa non amosa ningunha preocupación por gardar a distancia de seguridade e lembra que as persoas de máis de 65 anos están consideradas poboación de risco. Na súa opinión, “poñer aos nosos maiores en perigo de forma innecesaria por sacar unha maldita foto roza o inmoral”.

Investir nos Servizos Sociais

Para Barcia, a mellor homenaxe que se lle pode facer neste momento ás parellas que cumpren cincuenta anos de matrimonio “non é unha foto, senón dotar dos recursos necesarios á sanidade pública esquilmada polo PP e aos servizos sociais, que é o primeiro lugar onde acoden cando teñen un problema”. Neste sentido, o BNG reitera a súa reivindicación de que as residencias de maiores reciban a atención precisa para converterse en verdadeiros fogares onde vivir dignamente “e non o abandono que sofren agora por parte da Xunta ante a preocupación dos familiares”, en palabras do portavoz nacionalista no concello de Mos. 

A irresponsabilidade da alcaldesa de Mos: en plena pandemia percorre as casas dos maiores para sacarse fotos