INVESTIMENTOS

Néstor Rego leva a Madrid as emendas do BNG de Mos aos Orzamentos do Estado

DSC_0719
Gustavo Barcia e Néstor Rego

As propostas do Consello Local van destinadas a dar resposta a algunhas reivindicacións históricas da veciñanza

A insonorización da A-55, a humanización da estrada N-550 ou a recuperación do río Louro son algunhas das reivindicacións

Néstor Rego leva a Madrid as emendas do BNG de Mos aos Orzamentos do Estado

    No vindeiro mes de decembro o goberno do Estado someterá a debate, no Congreso, o seu proxecto de Orzamentos para 2021, unhas contas que o deputado do BNG, Néstor Rego, cualificou como “inaceptábeis” e como “un agravio”, xa que se reduce o investimento directo en Galiza un 11,4%. Por este motivo xa se formulou unha emenda á totalidade dos orzamentos, pero tamén se solicitou a introdución dunha serie de correccións parciais co obxectivo de incrementar as partidas destinadas ao noso país. Algunhas destas propostas partiron do Consello Local do BNG de Mos e responden á necesidade de satisfacer algunhas demandas históricas da veciñanza.

O concelleiro nacionalista Gustavo Barcia estivo presente na rolda de prensa que Néstor Rego ofreceu para informar sobre as emendas relativas á comarca de Vigo e tivo a oportunidade de falar co deputado sobre as necesidades máis urxentes de investimentos para Mos. O documento de emendas, que xa foi presentado a semana pasada, inclúe neste sentido unha solicitude para acometer a insonorización da A-55 ao seu paso polo concello, unha obra que a veciñanza leva reivindicando dende a mesma apertura ao tráfico da autovía. O tráfico foise incrementando ano tras ano e o volume de decibelios non deixou de subir, pero as pantallas acústicas, imprescindibles para reducir o impacto sonoro nunha zona eminentemente residencial, nunca foron instaladas.


 

Infraestruturas e medio ambiente

Outra das melloras que o BNG vai propoñer para a súa incorporación aos Orzamentos do Estado é a construción dun paso peonil elevado no nó da A-55 coa A-52 en Amieirolongo, un punto onde a estrada corta o paso do Camiño de Santiago sen que exista unha alternativa segura para os peóns. No mesmo sentido, vaise solicitar unha partida para a primeira fase da humanización da N-550 para dotala de beirarrúas en todo o seu percorrido polo concello, así como a construción dunha rotonda na mesma estrada á altura dos Valos. Ademais, no documento incluíuse unha solicitude para proceder limpeza e recuperación do río Louro, aproveitando a servidume existente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a do colector xeral do Louro.

 

 

Néstor Rego leva a Madrid as emendas do BNG de Mos aos Orzamentos do Estado