O BNG presenta moción para a retirada da LOMCE

O BNG presenta moción para a retirada da LOMCE

É importante para todos os cidadáns. 

Pese a non existencia de plenos polo de agora no noso concello, o BNG acaba de presentar unha moción para que se trate no momento que volva á normalidade a vida municipal. 

O de momento Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa, que o PP pretende converter en proxecto de lei, significará, de se consagrar, un reforzamento de moitas cuestións totalmente negativas para o sistema educativo, que os axentes sociais e prefesionais levan anos a denunciar. Este anteproxecto presenta un texto que fondamente centralizador, clasista e sexista, que mercantiliza a educación e pretende afondar nun modelo moito máis autoritario e antidemocrático. Entres estas eivas, non deixa de ser relevante a falta de diálogo social con que se pretende aprobar e desenvolver, sen participación da comunidade educativa, das asociacións que representan os diferentes colectivos implicados e con grande oposición social e política. 

Para alén doutras consideracións, a LOMCE representa un ataque frontal ás competencias das comunidades autónomas e supón unha involución inadmisíble ao negar a realidade plurilingüe, pluricultural e plurinacional do Estado español. Fronte ao dereito de ofrecer o seu propio modelo lingüístico atendendo as distintas realidades, a LOMCE elimina a opción da inmersión lingüística, ao establecer un mínimo de materias nas dúas linguas cooficiais. Por outra parte, dentro dun proxecto xerárquico, as materias pasan a clasificarse en diferentes categorías e o galego deixa de ser lingua troncal e recibe, desta maneira, unha consideración inferior á da primeira lingua estranxeira. Nesta mesma liña, o Anteproxecto de lei orgánica para a mellora da calidade educativa, recollendo o ideario ideolóxico do Partido Popular, esconde baixo a falsidade dunha pretendida liberdade de idioma a posibilidade de non estudar en lingua galega, facilitando, con diñeiro público, a escolarización do alumnado que así o decidir en centros privados. 

A importancia deste tema é tal que queremos facer chegar á cidadanía o rexeitamento que desde o BNG de Mos temos a este xeito de facer política do PP.                                                                                  

Mos a 08 de maio do 2013

O BNG presenta moción para a retirada da LOMCE