O concello de Mos segue a gastar sen sentido

O concello de Mos segue a gastar sen sentido

Dúas pequenas facturas que indican o xeito de actuar do PP.

 

Logo da subida de impostos brutal que sufrimos os cidadáns de Mos, e tras contar cunha débeda cercana aos 14 millóns de euros, poderiamos pensar que se  ían controlar os gastos do concello, pero xa se ve día a día que o PP segue co mesmo xeito de actuar que antes. Para demostrar esto, pomos por exemplo dúas facturas que atopamos no concello estes días.

A primeira factura é dun pequeno montante de 96,80 euros, pero a cantidade non é  o problema. A factura corresponde a dous sacos de xabre para reparar sendos campos de petanca, ate aí non hai problema, pero a cuestión ven cando se pode ler na factura que un deses campos de petanca é propiedade dunha concelleira do goberno, ou sexa privado, e que a maior parte do tempo é empregado como aparcamento da súa vivenda particular. Como se pode ver, é un gasto moi necesario para o noso concello, sen dúbida.

A outra factura corresponde a un gasto efectuado por unha asociación deste concello no 2011, que veu a aprobación extraxudicial de crédito para poder ser pagada este ano por todos os cidadáns. A factura está feita para pagar a actuación dun pianista durante unha misa de celebración da festa da rosa dese ano. Pero insistimos que está presentada por unha asociación. Un montante de 150 euros que tamén parece ser moi importante para o normal funcionamento do concello.

Dúas pequenas facturas que demostran que a subida de impostos vale para facer o politiqueo típico do PP. A austeridade para os de sempre, eles a gastar.

Mos a 18 de xuño do 2013