CONTAS MUNICIPAIS

O BNG considera que o orzamento do Concello para 2020 “roza a fantasía”

Gustavo Barcia pleno
Gustavo Barcia

O propio informe de intervención recoñece que a estimación de ingresos está inflada e reclama unha redución do gasto corrente

Gustavo Barcia presentou no pleno 11 emendas dirixidas a aumentar o gasto social, apoiar o tecido asociativo e mellorar os servizos

O BNG considera que o orzamento do Concello para 2020 “roza a fantasía”

Para o BNG de Mos, o orzamento do Concello para 2020, aprobado no último pleno cos únicos votos a favor do PP, non se axusta á realidade. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, tirou de ironía ao afirmar que “nos estraña que non exista unha partida dedicada a piruletas, arcos da vella e unicornios, porque este orzamento roza a fantasía”. O propio informe técnico de Intervención, incluído no documento, cuestiona a viabilidade das contas municipais. Nel recoñécese que a estimación de ingresos está moi por riba do recadado en exercicios anteriores e advírtese da necesidade de diminuír o nivel de gasto corrente, particularmente en partidas de natureza “voluntaria” ou “de escasa relevancia”.

O portavoz nacionalista considera que, “se ben sobre o papel estes orzamentos compren coa legalidade, a realidade é que son moi mellorables”. Por este motivo, o BNG presentou no pleno 11 emendas que foron rexeitadas polo goberno do PP. Estas propostas ían encamiñadas ao incremento do gasto social, á supresión ou redución de partidas innecesarias, a ofrecer un maior apoio económico ás entidades culturais, veciñais e deportivas, á recuperación do patrimonio ou á mellora das instalacións das comunidades de augas.

Taxas municipais

Segundo Barcia, a memoria da alcaldía incluída nos orzamentos de 2020, “fala da desviación de máis dun millón de euros do ano 2018 coma se fose un fenómeno meteorolóxico contra o cal non se pode facer nada, cando a realidade é que isto se debeu á nefasta xestión do goberno”. O portavoz do BNG critica ademais que Nidia Arévalo “presuma” de conxelar as taxas municipais “cando foi precisamente o goberno do PP quen, por culpa da súa nefasta xestión, aplicou o maior incremento de taxas municipais da historia”. En opinión de Gustavo Barcia, “o que lle molesta á veciñanza non é pagar taxas, senón pagalas e non contar cuns servizos públicos decentes”.

 

Emendas do BNG de Mos aos orzamentos: https://bit.ly/34kbeW2

O BNG considera que o orzamento do Concello para 2020 “roza a fantasía”