ALERTA SANITARIA

O BNG propón reforzar os Servizos Sociais de Mos para afrontar o desconfinamento

Gustavo Barcia reclama que parte das axudas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra sexan destinadas a contratar persoal para o departamento

Ve preciso recuperar a figura da educadora social e que os novos contratos se prolonguen cando menos ata final de ano cunhas condicións dignas

O BNG propón reforzar os Servizos Sociais de Mos para afrontar o desconfinamento

O goberno central xa anunciou as fases da desescalada para poñer fin ao confinamento derivado da crise do COVID-19, pero a situación sanitaria aínda tardará en estar plenamente controlada e garantir a saúde dos sectores máis vulnerables da poboación deberá ser, nos próximos meses, a máxima prioridade dos responsables políticos. Ante esta evidencia, o BNG de Mos vén de presentar unha solicitude para que o goberno municipal reforce os Servizos Sociais do concello, dotándoos dos medios e o persoal preciso para afrontar unha situación extraordinaria como a que estamos a vivir.

Durante as últimas semanas, o portavoz do grupo municipal do BNG, Gustavo Barcia, realizou un seguimento constante da evolución da situación sanitaria no concello e puido constatar, de primeira man, o esforzo “sobrehumano” que se está a realizar dende o departamento de servizos sociais. Convertéronse, segundo Barcia, “na primeira liña de loita nesta crise xunto ao persoal sanitario, asistindo non só á xente que o necesitaba senón dando tamén cobertura a todas as familias que están empezando a pasalo mal”. Por este motivo, entende que non abonda con ofrecerlles apoio anímico e cre que o Concello, a pesar da súa precaria situación económica, debepoñer máis recursos á súa disposición.

Propostas concretas

O concelleiro nacionalista lembra que o goberno municipal de Mos anunciou recentemente unha reformulación do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para contratar 19 traballadoras ou traballadores. O BNG solicita que unha parte do persoal que se pretende contratar sexa destinada ao reforzo dos Servizos Sociais, atendendo, en coordinación coas persoas que están á fronte desta área, ás necesidades concretas derivadas da crise do COVID-19. A proposta foi remitida xa á equipa de goberno e nela solicítase a recuperación da figura da educadora social dentro do departamento. Do mesmo modo, Barcia defende a necesidade que os novos contratos sexan, cando menos, ata final de ano e cunhas condicións salariais e laborais dignas.

 

Escrito remitido ao goberno municipal: https://cutt.ly/FyhOiKZ

O BNG propón reforzar os Servizos Sociais de Mos para afrontar o desconfinamento