MELLORA CAMIÑO PORTUGUÉS

O BNG demanda a mellora da seguranza viaria no Camiño Portugués

IMG_1434
Cruce coa N-550

O BNG iniciou onte unha campaña para demandar da Xunta de Galiza a mellora de varios puntos negros no trazado do camiño portugués a Compostela. 

O deputado pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, visitou Porriño e Mos acompañado polos portavoces nacionalistas nestes concellos, Pedro Pereira e Miguel Anxo Aldea.

O BNG demanda a mellora da seguranza viaria no Camiño Portugués

        O BNG comezou unha campaña para demandar á Xunta de Galiza a mellora da seguranza viaria en varios puntos negros do trazado do Camiño Portugués. Trátase de zonas con alta intensidade de tráfico na que se dan situacións de risco e perigosidade para os camiñantes. A maior parte destes problemas prodúcense nas interseccións do camiño coa N550 e con outras vías de alta capacidade.

   O obxecto desta campaña do BNG é presentar propostas de mellora da sinalización, de calmado do tráfico, de mellora dos pavimentos e sección do ancho do camiño, de construción de pasos elevados para salvar puntos moi conflitivos, así como o estudo de trazados alternativos máis seguros naquelas zonas onde sexa posíbel.

   Ademais das visitas aos concellos, o deputado nacionalista Luís Bará ten previsto reunirse con diversas entidades relacionadas coa promoción do camiño, entre elas a Asociación de Amigos do Camiño Portugués. Tamén manterá encontros con colectivos de promoción da mobilidade ciclista, co obxecto de presentar propostas relacionadas co trazado e a seguranza para as persoas que fan o camiño en bici.

  No que ten que ver co concello do Porriño, o BNG considera prioritario o treito do camiño que discorre polo parque empresarial das Gándaras ao longo duns 3 km. Trátase dunha zona con moito tráfico pesado o que a fai moi incómoda e perigosa para os peregrinos. Neste punto, o BNG considera necesario estudar a acondicionamento dunha senda máis ancha e separada da estrada con unha pantalla vexetal, e tamén a posibilidade dun trazado alternativo pola senda do río Louro. Na actualidade xa se está a usar esta variante mais cómpre unha sinalización oficial clara que determine cal é o trazado recomendado.

  Neste sentido, cómpre lembrar que está pendente a delimitación oficial do Camiño Portugués, situación que está dando lugar a numerosos conflitos con sinalización de variantes ou desvíos que responden a intereses privados.

  Polo que respecta ao concello de Mos, os puntos máis conflitivos encóntranse no lugar de Amieiro Longo, na parroquia de Sanguiñeda. O primeiro deles no lugar das Angustias, no que os peregrinos teñen que atravesar varias rotondas con elevado tráfico e perigosidade. O segundo corresponde ao ramal de saída da A52 cara á N550 no que non existe sinalización de advertencia nin paso de peóns; neste punto está anunciada a construción dun paso elevado por parte do Ministerio de Fomento. O terceiro está situado na intersección do camiño coa N550 en dirección ao camiño da Quririncosta, no que é preciso mellorar a sinalización e estudar a construción dun paso de peóns ou dun paso elevado.

  O grupo parlamentario do BNG presentará unha proposta para a posta en marcha dun Plan Director, liderado pola Xunta de Galiza e coa participación das distintas administracións implicadas (Ministerio de Fomento, Deputación e concellos) que teña como fin a mellora do estado das infraestruturas e servizos, da sinalización, e especialmente das condicións de seguridade viaria e de accesibilidade do Camiño Portugués, tanto para camiñantes como para ciclistas. Para o BNG debe dárselle prioridade ás actuacións encamiñadas á eliminación dos puntos negros en colaboración coas administracións titulares das vías. Para o grupo nacionalista é tamén fundamental a participación de todos os sectores sociais relacionados coa rota xacobea, principalmente as asociacións de promoción e defensa da camiño.

 Segundo Luís Bará, o Camiño Portugués está a experimentar un importante incremento de peregrinos, o que é unha moi boa nova pola repercusión económica que ten nas zonas que atravesa. Mais precisamente por iso hai que minimizar os riscos e incrementar as actuacións encamiñadas a mellorar a imaxe, a seguridade e o atractivo do camiño.

O BNG demanda a mellora da seguranza viaria no Camiño Portugués