O PELOTAZO DO PP

O BNG de Mos denuncia que a Xunta modifica a lei do solo para permitir o proxecto do Celta

xuntapelotazo

Aproveita a Lei de acompañamento dos orzamentos para colar esta modificación

O BNG de Mos denuncia que a Xunta modifica a lei do solo para permitir o proxecto do Celta

     Para certas cuestións está claro que o PP anda lixeiro, sobre todo para actuacións que supoñen un pelotazo urbanístico coma o que se pretende levar a cabo polo Real club Celta en Mos.

     O Bng de Mos xa viña avisando de que é ilegal esa actuación porque non está recollida na Lei do Solo do ano 2016, pero aparece rauda e veloz a Xunta de Galiza e modifica dita lei no artigo 12 do título II de medidas administrativas da Lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta para o 2019.

     A Xunta incide sobre o proceso posterior á modificación coa creación do artigo 117 bis da Lei do Solo. Este artigo bis legaliza ese proceso posterior, consistente en que unha administración expropia e un particular ou empresa pode ser a beneficiaria desa expropiación.

    Todo este novo artigo 117 bis, está creado só pensando nas instalacións que o RC Celta está plantexando en Mos.

    Todo esta lexislación lembra ao “ axente urbanizador”, que remite aos peores períodos da época do urbanismo da Comunidade Valenciana, e que deron lugar aos peores casos de corrupción que se lembran no Estado español.

    A Xunta anda lista para estas cousas, apura para defender os intereses dos grandes empresarios, pasando sen dubidar un segundo, por riba de Comunidades de augas e montes, que o que fan é defender os montes e os recursos naturais.

 

Mos, a  26de outubro do 2018

Miguel Anxo Aldea Moscoso

Portavoz do Grupo Municipal do BNG de Mos

Tlf: 628 141 093

                                                                                                                       

 

Texto do novo artigo 117 bis

 

Artigo 12. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia

A Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, queda modificada como segue:

Un. Engádese un novo artigo 117 bis coa seguinte redacción:

“Artigo 117 bis. Modalidades de execución das actuacións no sistema de expropiación

1. A administración expropiante poderá utilizar, para o desenvolvemento da actividade de execución das actuacións no sistema de expropiación, todas as modalidades de xestión directa e indirecta admitidas pola lexislación de réxime xurídico, de contratación das Administracións Públicas, de réxime local e de ordenación territorial e urbanística.

2. Será aplicable a lexislación de contratos do sector público cando a modalidade de xestión do sistema de expropiación elixida supoña a adxudicación de contratos de obras ou de concesión regulados na indicada lexislación.

3. Así mesmo, de acordo cos principios de transparencia, publicidade e concorrencia, poderá atribuírse a condición de beneficiario da expropiación a persoas naturais ou xurídicas, para que adquiran a propiedade de todos os bens e dereitos incluídos no ámbito de actuación, aboando o seu xusto prezo, e executen as obras de urbanización.

Nos concursos públicos que a tal efecto se convoquen poderán presentar ofertas calesquera persoas físicas ou xurídicas, interesadas en asumir a xestión da actuación, incluídos os propietarios que formen parte do correspondente ámbito. A tales efectos, estes deberán ben constituír unha entidade urbanística de xestión, que terá natureza administrativa e duración limitada á da actuación, ou ben constituír unha sociedade mercantil ao efecto.

Os concursos públicos poderán ser convocados unha vez que se aprobe definitivamente o planeamento que conteña a ordenación detallada. A convocatoria deberá publicarse como mínimo no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

As bases do concurso determinarán os criterios aplicables para a súa adxudicación, debendo terse en conta, en particular, aqueles que produzan un maior beneficio para a colectividade no seu conxunto e favorezan a atracción do investimento e creación de emprego. 

As bases do concurso público fixarán os dereitos e as obrigas do beneficiario da expropiación, que actuará ao seu risco e ventura, e que comprenderán en todo caso os deberes de executar a urbanización e efectuar as cesións obrigatorias establecidas nesta lei. En particular, as bases establecerán:

a) As obras e instalacións que o beneficiario debe executar e os seus prazos, expresando as que han de entregarse á Administración.

b) As garantías a prestar polo beneficiario que aseguren a execución completa e en tempo e forma das súas obrigas, incluído o aboamento dos xusto prezos e a realización da urbanización, das obras e das instalacións que debe executar.

c) Deberes de conservación das obras e instalacións ata a súa entrega.

d) Os factores a ter en conta para a fixación dos prezos de venta, no seu caso, dos soares resultantes da actuación.

e) As relacións entre o beneficiario e os propietarios de terreos no ámbito de execución do plan e entre aquel e os adquirentes de soares edificables, ata tanto se execute totalmente o plan.

f) As penalidades por incumprimento e demoras.

g) As causas de incumprimento e resolución do convenio urbanístico e as súas consecuencias.

A adxudicación do concurso determinará a formalización coa persoa ou entidade que presente a oferta máis vantaxosa do correspondente convenio urbanístico, que se rexerá polo disposto nesta lei e no que se determinarán, de acordo coas bases e a proposta adxudicataria, os termos e as condicións da xestión e da execución do planeamento, de acordo sempre coas previsións e determinacións deste.

O adxudicatario poderá incorporar á xestión urbanística, en calquera momento e nas condicións que libremente pacten entre si, a calquera dos propietarios de solo, previa solicitude á Administración actuante e resolución por esta da exclusión da expropiación dos bens correspondentes, de acordo co artigo 119.”

Dous. Engádese unha disposición adicional terceira na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, coa seguinte redacción:

“Disposición adicional terceira. Medidas urbanísticas excepcionais

Aos efectos da presente lei, e sen prexuízo do necesario respecto á normativa sectorial estatal e autonómica que resulte aplicable, poderase autorizar a reconstrución, coas mesmas características volumétricas que tiñan, dos edificios, construcións e instalacións afectados por situacións declaradas polo Consello de Ministros como zona afectada gravemente por unha emerxencia de protección civil ou polo Consello de la Xunta de emerxencia de natureza catastrófica, que, no momento de produción da dita situación, estiveran sometidos ao réxime previsto nos artigos 40 ou 90. Nestes casos, os edificios, construcións e instalacións realizados quedarán sometidos ao réxime do artigo 40 ou do artigo 90, respectivamente.

Esta disposición será aplicable tanto respecto das situacións xa declaradas como daquelas cuxa declaración se efectúe tras a súa entrada en vigor.”

O BNG de Mos denuncia que a Xunta modifica a lei do solo para permitir o proxecto do Celta