O PLENO SOBRE A MODIFICACIÓN DO PXOM: UN ESPECTÁCULO LAMENTABLE

WhatsApp Image 2019-09-30 at 12.42.23

A alcaldesa modificou sobre a marcha o desenvolvemento normal do pleno sen consultar aos grupos da oposición

Nidia Arévalo non foi capaz de explicar cal é a alternativa á expropiación para a adquisición dos terreos

O PLENO SOBRE A MODIFICACIÓN DO PXOM: UN ESPECTÁCULO LAMENTABLE

O pleno celebrado esta mañá no auditorio do Pazo de Mos volveu poñer de manifesto o escaso respecto que o Partido Popular sinte pola institución municipal e as regras máis elementais do xogo democrático. O ton bronco do debate impediu que se analizara, coa profundidade que merece, unha cuestión tan relevante para o futuro do noso Concello como é a modificación do PXOM coa que se pretende legalizar a construción dunha cidade deportiva e un centro comercial en Pereiras e Tameiga. Para o BNG, hoxe saíu perdendo a veciñanza de Mos, pero aínda temos a esperanza de poder parar a desfeita ambiental, económica e social que supón este proxecto.

Ante unha sala ateigada, dende primeira hora da mañá, por persoas afíns ao goberno municipal, a alcaldesa repartiu as quendas de palabra de forma totalmente aleatoria e acaparou os tempos de intervención cun discurso inzado de faltas de respecto e insultos aos portavoces da oposición. Modificou ao seu antollo o desenvolvemento habitual das sesións plenarias sen consultar aos demais grupos políticos representados na corporación e alterou sen ningún tipo de xustificación a orde do día, chegando mesmo a suprimir sobre a marcha o punto de rogos e preguntas. A propia votación sobre a modificación do PXOM foi totalmente irregular. Non se lle deu tempo para levantar a man aos grupos da oposición e a votación tivo que repetirse, ante o desconcerto de todos os asistentes, despois de que a alcaldesa levantara a sesión.

Gustavo Barcia

 

Por outra parte, Nidia Arévalo foi incapaz de contestar ás preguntas realizadas polo portavoz do grupo municipal do BNG, Gustavo Barcia, que trasladou ao pleno moitas das dúbidas da veciñanza sobre o proxecto do Real Club Celta. Entre outras cuestións, non foi quen de explicarcomo se vai proceder á adquisición dos terreos en caso de que non se chegue a un acordo cos propietarios. A pesar da súa insistencia en dicir que non haberá expropiacións, este é o único sistema previsto no documento aprobado cos únicos votos a favor do PP.

Restricións de acceso

O desenvolvemento do pleno foi anormal xa dende antes do inicio da sesión. Restrinxiuse o acceso do público, que foi obrigado a identificarse na entrada, impedindo deste modo que a veciñanza estivera presente nun debate de especial relevancia nunha institución que se supón democrática. Mesmo os medios de comunicación atoparon dificultades para acceder á sala. A señora Arévalo insiste en apelar a problemas de seguridade para xustificar esta restrición do acceso e evitar situacións como a que se viviu a semana pasada na entrada do Multiúsos das Pozas. Pero o certo que aquel día os “problemas” xurdiron no momento en que a alcaldesa ordenou identificar ás persoas que non estaban de acordo cos seus postulados. Dá a impresión de que o goberno do PP pretende facer listas de bos e malos veciños segundo a súa conveniencia política. Hoxe son os de Tameiga, pero mañá poden ser os de calquera outra parroquia de Mos.

Dende o BNG entendemos que a alcaldesa quere desviar a atención sobre o pelotazo que o goberno pretende executar da man do señor Mouriño. Hoxe volveunos quedar claro que están dispostos a expropiarlle o monte aos donos que non queiran ceder e regalarlle o terreo aos especuladores.

O PLENO SOBRE A MODIFICACIÓN DO PXOM: UN ESPECTÁCULO LAMENTABLE