VÍAS E OBRAS

O BNG lamenta que o PP agardara máis dun ano para anunciar a reparación dun camiño afundido en Pereiras

O goberno municipal presentou un plan para reparar os supostos “estragos dos temporais” tras unha visita á zona do grupo municipal nacionalista.

Sara Samartín, concelleira do BNG: “Destinan miles de euros a propaganda e gastos superfluos pero son incapaces de manter as infraestruturas”.

O BNG lamenta que o PP agardara máis dun ano para anunciar a reparación dun camiño afundido en Pereiras

Mos, 17 de xaneiro de 2024. O BNG de Mos amosouse moi crítico co recente anuncio do goberno municipal de que se vai poñer en marcha un plan de reparación dos estragos provocados polas intensas chuvias dos últimos meses. Segundo a concelleira nacionalista Sara Samartín, “algunhas das vías incluídas no suposto plan levan máis dun ano agardando por unha reparación urxente e os desperfectos non foron consecuencia dos últimos temporais”.

Samartín pon como exemplo o camiño da Muralla, na parroquia de Pereiras, que sufriu danos severos a finais do ano 2022. A concelleira do BNG sinala que “naquel momento cedeu o muro de contención e a veciñanza leva agardando, dende entón, polo inicio da reparación prometida dende o goberno”. Hai un par de meses cortouse o acceso ao tráfico rodado, pero ata ese momento os vehículos podían circular sen restricións por unha vía “que ameazaba con afundirse en calquera momento”, en palabras da edil nacionalista.

 

Manobra propagandística

Sara Samartín considera que este  plan “non é máis ca unha manobra propagandística do PP de Nidia Arévalo para maquillar a súa incompetencia”. Tal como indica a concelleira, “o anuncio chegou, curiosamente, poucas horas despois de que o grupo municipal do BNG estivese visitando a zona para avaliar a gravidade da situación”. Na súa opinión, “non se trata dun caso illado, xa que en todas as parroquias de Mos atopamos exemplos de camiños e equipamentos públicos totalmente abandonados”. Samartín denuncia que “dende o PP destinan miles de euros a propaganda e gastos superfluos, pero son incapaces de manter as infraestruturas municipais”.

O BNG lamenta que o PP agardara máis dun ano para anunciar a reparación dun camiño afundido en Pereiras