INFRAESTRUTURAS

O BNG pide un “proxecto ambicioso” para a reforma da estrada Puxeiros-Mos ao seu paso por Dornelas

O grupo municipal nacionalista teme que se repitan os erros cometidos na parroquia de Mos, onde existen numerosas eivas en materia de seguridade viaria.

Nunha moción que se debaterá no próximo pleno, solicítase a construcción de beirarrúas e a dotación dunha banda de aparcamento, entre outras medidas.

Gustavo Barcia sostén que “a obra non ten que facerse rápido, senón que ten que facerse ben” e pide que a Deputación asuma o 100% do financiamento.

 

O BNG pide un “proxecto ambicioso” para a reforma da estrada Puxeiros-Mos ao seu paso por Dornelas

Mos, 19 de marzo de 2024. A reforma da estrada provincial EP-2601, que vai de Puxeiros a Mos, segue o seu curso e o goberno municipal está recollendo cesións voluntarias de terreos na parroquia de Dornelas para sacar adiante o proxecto. O grupo municipal do BNG apoia as demandas veciñais para mellorar as condicións de seguridade nunha das vías máis transitadas do concello, pero ve con preocupación “a falla de ambición” do PP de Nidia Arévalo. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, advirte de que “unha obra tan necesaria coma esta corre o risco de converterse nun pesadelo e unha chapuza se non se fan as cousas ben”.

Barcia pídelle ao goberno que tome nota “dos erros cometidos na parroquia de Mos”, onde están a piques de rematar as obras de reforma da estrada provincial. Alí, as beirarrúas construíronse á mesma altura que a calzada e os vehículos, tal como indica o concelleiro do BNG, “non gardan a distancia de seguridade”. Por outra parte, hai tramos onde directamente non existe beirarrúa e, ante a supresión da banda de aparcamento, o espazo reservado para os viandantes adoita estar ocupado por automóbiles mal estacionados, obrigando á xente a camiñar pola calzada. A estes problemas hai que engadir o estreitamento da vía á altura do cruce do Xuguiño, onde os vehículos tenden a pasar por riba da beirarrúa para tomar ben a curva.

O portavoz do BNG solicitara xa en maio de 2022 unha revisión do proxecto, ao entender que “non ofrecía solucións á problemática da seguridade viaria na zona”. Agora cre que o tempo lle deu a razón e solicita “unha reforma máis ambiciosa” para o tramo de Dornelas. No próximo pleno, o grupo municipal nacionalista presentará unha moción na que se insta á construír beirarrúas, en todo o percorrido da estrada, con anchura suficiente para o tránsito peonil, así como a reservar espazo para a colocación dos colectores do lixo, entre outras medidas. Tamén se reclama, por exemplo, a dotación de prazas de aparcamento alí onde sexa preciso.

 

Evitar as présas

No seu momento, Nidia Arévalo recoñeceu as carencias da reforma proxectada para Mos e culpou aos propietarios que se negaron a ceder voluntariamente os terreos para a ampliación da estrada. A alcaldesa negouse a abrir un proceso de expropiación que atrasaría o inicio das obras e, en opinión de Gustavo Barcia, “as súas presas levárona a facer unha nova chapuza”. En Dornelas, decenas de parcelas están afectadas polo proxecto e o portavoz do BNG pide “un maior esforzo para adquirir os terreos, recorrendo á expropiación se non queda outro remedio”. Defende, ante todo, que “a obra non ten que facerse rápido, senón que ten que facerse ben”. 

Con respecto ao financiamento dos traballos, Gustavo Barcia cre que o goberno municipal “negociou moi mal”, xa que a Administración Municipal tivo que asumir o 30% do custo do primeiro tramo da reforma. O portavoz nacionalista entende que o Concello ten a obriga de poñer os terreos a disposición da Deputación de Pontevedra para que execute a obra, pero considera que a reforma debe ser sufragada integramente con fondos do ente presidido por Luís López, xa que se trata dunha vía de titularidade provincial.

 

O BNG pide un “proxecto ambicioso” para a reforma da estrada Puxeiros-Mos ao seu paso por Dornelas