OBRAS

O BNG reclama unha reforma máis ambiciosa para a estrada Mos-Puxeiros

Coa escusa de evitar demoras, o goberno municipal preferiu seguir adiante cun proxecto que non ofrece solucións aos problemas de seguridade viaria

Gustavo Barcia lamenta “o curtopracismo” do PP de Nidia Arévalo e considera que algunhas obras do último mandato son “chapuzas sen visión de futuro”

O BNG reclama unha reforma máis ambiciosa para a estrada Mos-Puxeiros

Mos, 4 de agosto de 2022. A reforma da estrada provincial EP-2601, que vai da parroquia de Mos ao alto de Puxeiros, é unha vella reivindicación da veciñanza. As carencias en materia de seguridade viaria, principalmente para as persoas que camiñan pola beiravía, son evidentes, pero o proxecto que se empezou a executar esta mesma semana, en opinión do BNG, non ofrece solucións aos numerosos problemas actuais. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, reclamou no pleno unha revisión do proxecto antes do inicio das obras e a propia alcaldesa recoñeceu que a proposta era pouco ambiciosa, pero optou por apoiala para evitar demoras na súa execución. Ndia Arévalo culpou aos propietarios que se negan a ceder terreos para ampliar a calzada e explicou que non está disposta, nun ano preelectoral, a afrontar as expropiacións que serían precisas.

Gustavo Barcia cre que as escusas da alcaldesa “poñen de manifesto a absoluta falta de visión de futuro do Partido Popular, así como a súa concepción curtopracista da acción de goberno”. O concelleiro do BNG entende que “a expropiación ten que ser o último recurso”, pero lembra que “esa figura creouse precisamente para casos coma este, nos que debe prevalecer un ben superior, como é a mellora da seguridade para vehículos e viandantes nunha estrada moi transitada”. Denuncia, por outra parte, que “o PP só acepta as expropiacións cando serven para quitarlle o monte comunal á veciñanza e entregarllo a un empresario con ganas de facer negocio”.

De acordo co plan de execución das obras, cofinanciadas polo Concello e a Deputación de Pontevedra, a primeira fase desenvolverase na parroquia de Mos e esta é a única parte do proxecto da que se coñecen todos os detalles ata o momento. Non se contempla, en ningún caso, a ampliación da anchura da vía nin a construción de beirarrúas. Simplemente se crea unha senda peonil pola marxe e o BNG xa advertiu dos problemas derivados da falta de ambición do proxecto. “Na zona da igrexa vai desaparecer a pouca banda de aparcamento que existe e, tendo en conta a cantidade de actos que se realizan na contorna isto pode ser contraproducente”, indica Barcia. Sinala, ademais, que “o aparcadoiro do Pazo non é público, senón que pertence á Comunidade de Montes de Mos, e o Concello non pode pensar en dispoñer del coma se fose seu”.

 

“O goberno das chapuzas”

O portavoz municipal do BNG afirma que “o PP de Nidia Arévalo non goberna pensando nas necesidades da veciñanza nin no futuro do Concello, a súa única preocupación son as fotos que poidan subir ás redes sociais”. Considera que “agora están nun maratón de facer moitas cousas, moitas obras e moito asfalto, pero queren facer tanto que non fan máis ca chapuzas”. Pon como exemplos o paseo de Torroso a Petelos, “que literalmente estase desfacendo”, ou a estrada Louriñó-Sobráns en Guizán, un proxecto que tivo que modificarse porque nalgúns puntos era fisicamente imposible construír beirarrúas. Barcia sinala que “as présas non axudan a solucionar os problemas da veciñanza, é máis, probablemente creen máis de cara ao futuro” e fronte ás críticas do PP insiste en que “dende o BNG non queremos que as cousas se fagan rápidas ou lentas, o que queremos é que se fagan ben”.

O BNG reclama unha reforma máis ambiciosa para a estrada Mos-Puxeiros