SANIDADE

BNG e PSOE forzan un pleno extraordinario en Mos sobre a crise da atención primaria

A sesión celebrarase o vindeiro luns 25 de maio ás 9:30 horas, antes do pleno ordinario, a petición dos grupos da oposición

Denuncian a “submisión” do goberno local de Nidia Arévalo ante o deterioro sanitario que sofre a veciñanza de Mos e da comarca da Louriña

BNG e PSOE forzan un pleno extraordinario en Mos sobre a crise da atención primaria

Mos, 20 de maio de 2026. Os grupos municipais do BNG e do PSOE no Concello de Mos forzaron a convocatoria dun pleno extraordinario para abordar a grave situación da atención sanitaria na comarca da Louriña e, particularmente, no PAC do Porriño, centro que presta servizo de uxencias á veciñanza de Mos, O Porriño e Salceda de Caselas, unha área que supera os 45.000 habitantes. A sesión celebrarase o vindeiro luns 25 de maio ás 9:30 horas, xusto antes do pleno ordinario correspondente ao mes de maio.

No documento rexistrado polos grupos da oposición denúnciase a “alarmante situación” que atravesa o PAC do Porriño debido á falta de persoal médico e medios, unha precariedade que, denuncian, “empeora a calidade asistencial e pon en risco tanto a saúde das persoas usuarias como a dos propios profesionais sanitarios”. A proposta de acordo inclúe esixir á Xunta de Galicia e á Consellería de Sanidade que atendan de inmediato as demandas do persoal do PAC, asumir como propias as reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública da Louriña e trasladar oficialmente estas peticións ao Goberno galego.

“Política continuada de recortes”

O portavoz do BNG, Gustavo Barcia, advertiu de que “o desmantelamento progresivo da sanidade pública na Louriña xa está tendo consecuencias directas sobre a cidadanía”. Barcia sinalou que “a falta de persoal no PAC do Porriño non é un problema puntual, senón o resultado dunha política continuada de recortes e abandono por parte da Xunta”. Ademais, lamentou que “o goberno local de Mos non só non estea liderando ningunha reivindicación institucional, senón que permaneza calado ante unha situación que afecta diariamente á saúde e á seguridade da poboación”.

Pola súa parte, o portavoz socialista, Alejandro Figueroa, asegurou que “a situación sanitaria que está sufrindo Mos é insoportable e require dunha resposta política inmediata. Mentres profesionais e pacientes levan meses denunciando colapsos, falta de médicos e deterioro da atención, o goberno municipal do PP escolle mirar cara outro lado para non incomodar aos seus compañeiros da Xunta”. Figueroa criticou tamén que a alcaldesa, Nidia Arévalo, “prefira actuar como delegada do PP antes que defender os intereses da veciñanza de Mos”.

 

BNG e PSOE forzan un pleno extraordinario en Mos sobre a crise da atención primaria