URBANISMO
O BNG de Mos presenta unha moción para construír unha nova casa do Concello
A iniciativa contempla tamén o desenvolvemento dun centro urbano nas Pozas e a creación de vivenda pública
Gustavo Barcia: “Simplemente pedimos que se poña en marcha o que eles mesmos aprobaron no PXOM”
Mos, 21 de abril de 2026. O BNG volverá reclamar, no pleno do Concello de Mos, a construción dunha nova casa consistorial, un proxecto que está practicamente paralizado dende a chegada ao poder de Nidia Arévalo en 2008. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que a renovación das instalacións municipais é “unha necesidade urxente” tanto para a veciñanza como para o persoal do Concello.
Actualmente, os servizos municipais están repartidos en varios edificios, situados ademais en distintos puntos do concello separados entre si. En moitos casos, estas dependencias tampouco están adaptadas ás necesidades dun municipio de 15.000 habitantes. O exemplo paradigmático é a propia casa consistorial, que non serve tan sequera para celebrar os plenos.
O Plan Xeral aprobado en 2017 reserva un espazo nas Pozas para a nova casa do Concello e o portavoz do BNG cre que o novo edificio administrativo debería ser o xermolo do futuro centro urbano de Mos. Na súa opinión, “precisamos centralizar os servizos municipais para aforrarlle desprazamentos á veciñanza e facilitar as xestións coa administración”.
No texto da moción, o BNG solicita que se axilicen os trámites non só para a construción da nova casa consistorial, senón tamén para a creación dun parque de vivenda pública na contorna das Pozas. “Simplemente pedimos que se poña en marcha o que eles mesmos aprobaron no PXOM”, insiste Gustavo Barcia.
Proxecto paralizado
A proposta non é nova. En 2005, a corporación municipal aprobou, cos votos a favor de BNG, PSOE e PP, a construción dunha nova casa do Concello nas Pozas. Durante os anos seguintes o Concello foi avanzando nos trámites, chegando a acordos cos propietarios dos terreos, abrindo un concurso público para o deseño do edificio e mesmo solicitando un crédito para comezar coa obra. A chegada ao goberno de Nidia Arévalo en 2008, tras unha moción de censura apoiada por un tránsfuga, supuxo a paralización do proxecto. Dende entón, a veciñanza segue esperando.