Os principios de actuación política e ética do BNG sinalan os criterios que regulan o comportamento público das persoas que forman parte desta organización ou que a representan en calquera institución. Recollen, pois, unha serie de principios básicos que militantes, persoas que exercen cargos públicos e orgánicos do BNG se comprometen publicamente a asumir e a transmitir.
O BNG entende a actividade política como un instrumento de transformación social e de liberación nacional, que se exerce desde a participación e que se basea nos dereitos do pobo galego. Por tanto, a súa actividade política non se restrinxe, única nin principalmente, ao labor institucional, senón que se expresa en todas as intervencións que desenvolve (no ámbito social, cultural, veciñal, sindical…), en coherencia cos seus principios programáticos. Nesa liña, o BNG aspira a conseguir a soberanía nacional para a Galiza e a eliminar calquera tipo de dominación, de xénero, de clase, de territorio… Desde esta perspectiva, o BNG defende os intereses das galegas e dos galegos dentro duns parámetros internacionalistas baseados no dereito de autodeterminación dos pobos.
- A militancia do BNG o os seus cargos orgánicos e institucionais actuarán con integridade, transparencia e honestidade. O BNG defende a intolerancia absoluta coa corrupción e demostra, no día a día, a coherencia de asumir as responsabilidades políticas que se derivaren deste compromiso.
- A militancia do BNG e os seus cargos orgánicos e institucionais traballan na defensa do colectivo como principal ben común e contribuirán a consolidar a organización da sociedade en todos os seus ámbitos, respectando a autonomía dos movementos sociais e participando para os afortalar.
- As persoas que exerceren cargos públicos do BNG comprométense a respectar o criterio da organización de as actas pertenceren ao BNG, tanto para respectar a vontade democrática como polo feito de non se concibiren sen o apoio do conxunto da militancia.
- A militancia do BNG participará nas asembleas e órganos previstos nos estatutos para tecer acordos que o BNG procurará que sexan o máis amplos posíbeis. Caso de estes, finalmente, non se produciren na medida desexábel, aplicará e transmitirá publicamente o criterio avalado pola maioría e manterá o respecto debido ás posicións minoritarias, sen menoscabo do dereito á discrepancia, nos termos que recolleren os Estatutos do BNG. É por iso que calquera militante, cargo orgánico ou institucional do BNG está vinculado/a ás decisións tomadas polo conxunto da organización e ten o deber de as defender e aplicar.
- A militancia do BNG e os seus cargos orgánicos e institucionais traballarán pola democratización da sociedade, impulsando e aplicando políticas de participación en todos os ámbitos e defendendo o dereito irrenunciábel á liberdade de expresión.
- O BNG basea fundamentalmente a súa acción política na contribución da militancia. Para alén de o BNG realizar e aprobar orzamentos anuais e desenvolver unha política de transparencia pública a respecto da súa contabilidade, as persoas que exerceren cargos públicos comprométense a cumprir escrupulosamente coa Carta Financeira vixente na organización.
- A militancia do BNG o os seus cargos orgánicos e institucionais defenderán coa súa práctica diaria o uso do galego e da linguaxe inclusiva. O BNG promoverá entre a súa afiliación a galeguización de nomes e apelidos.
- O BNG é transparente na súa política informativa e comunicativa, interna e externa, en que utilizará unha lingua de calidade. O BNG aposta por medios propios que utilicen o galego e sitúen a Galiza como principal foco informativo.
- Os cargos públicos do BNG non intervirán en ningún asunto en que puideren ter intereses económicos ou calquera outra vantaxe persoal ou familiar, sempre que o asunto gardar relación co exercicio da súa función pública. A militancia do BNG e os seus cargos orgánicos e institucionais non farán uso directo ou indirecto, en beneficio propio ou alleo, da información a que puideren ter acceso por razón do cargo, nin durante o seu desempeño nin con posterioridade, nin aceptarán agasallos ou prebendas de calquera tipo que puideren condicionar a neutralidade no exercicio do seu traballo político e institucional.
- A militancia do BNG e os seus cargos orgánicos e institucionais traballarán para defender a dignidade das persoas e os seus dereitos e evitarán expresións e/ou comportamentos que supuxeren discriminación por razón de xénero ou condición sexual, raza, pensamento, condición social ou física.