INFRAESTRUTURAS
O BNG de Mos presenta alegacións contra a A-52 e pide diálogo coa veciñanza

O Ministerio de Transportes non informou debidamente á veciñanza nin realizou estudos realistas sobre o impacto da reforma sobre o territorio
Gustavo Barcia: “O proxecto nin sequera contempla a liberación da peaxe na AP-9, que é a alternativa máis sostible económica e ambientalmente”
Mos, 4 de febreiro de 2025. O BNG de Mos presentou, dentro do prazo establecido e despois de escoitar as demandas da veciñanza, un contundente documento de alegacións contra o proxecto de reforma da autovía A-52 entre Vigo e O Porriño. Entre outras consideracións, o BNG considera que o Ministerio de Transportes non seguiu os procedementos legais de consulta e información á administración local e ignorou completamente á poboación das zonas afectadas.
No documento, o BNG destaca que o proxecto causará prexuízos significativos a numerosas vivendas, non só polas expropiacións directas, senón, sobre todo, por aqueles que quedarán dentro do radio de afección da nova autoestrada. Do mesmo modo, tamén se reclama un estudo detallado sobre o impacto para as traídas de augas da zona, que abastecen a miles de fogares en varias parroquias de Mos.
Atendendo á dispersión do hábitat e á elevada densidade de poboación do concello de Mos, o BNG entende que sería necesario explorar alternativas que minimicen o impacto social. O portavoz nacionalista na corporación municipal, Gustavo Barcia, subliña tamén que “o proxecto se adapta ao PXOM de Vigo, aínda en trámite, pero non respecta o plan de urbanismo de Mos, en vigor desde 2017”.
“Hai quen di que queremos volver ás pallozas e aos carros de bois; desde logo, as pallozas e os carros de bois son mellores que esta trapallada que pretenden facer”, afirmou Gustavo Barcia, deixando clara a súa postura crítica. Indicou, ademais, que a construción do túnel non servirá para sacar a maior parte do tráfico pesado da A-55, xa que os vehículos con orixe ou destino en Pontevedra seguirán utilizando o actual trazado da autovía.
Libreación da AP-9
Outra das principais críticas do BNG é que o estudo de alternativas non contempla o uso de infraestruturas xa existentes como principal solución aos actuais problemas de tráfico da A-55, nin a liberación da peaxe da AP-9, que sería a opción máis sostible desde o punto de vista económico e medioambiental.
“O progreso non pasa por asfaltar e formigonar todo canto hai, senón que hai que respectar o medio ambiente, os montes, a auga e, sobre todo, á xente que vive no territorio”, engadiu Gustavo Barcia, en referencia á necesidade de buscar solucións máis respectuosas co entorno e a poboación local.
Por todos estes motivos, o BNG de Mos solicita faormalmente a retirada do proxecto de reforma da autovía A-52 e a apertura dun novo prazo de consultas e exposición pública no que sexan escoitadas e atendidas as demandas da veciñanza.