SEGURIDADE VIARIA
O BNG de Mos reclama unha solución para o cruce do camiño da Resteva coa estrada provincial en Guizán
Entre as posibles medidas a adoptar estarían a colocación dun semáforo ou a ampliación do cruce para gañar visibilidade
Gustavo Barcia: “o goberno do PP leva demasiado tempo sen atender unha demanda histórica da veciñanza de Guizán”
Mos, 22 de xuño de 2026. O BNG de Mos presentará no próximo pleno unha moción para impulsar a mellora da seguridade viaria no cruce do Camiño da Resteva coa estrada provincial EP-2602, na parroquia de Guizán. A formación nacionalista recolle así unha reivindicación que a veciñanza vén realizando desde hai anos ante os problemas de visibilidade existentes na incorporación á estrada que une Peinador e Os Valos.
A iniciativa solicita que os servizos técnicos municipais estuden distintas alternativas para resolver a situación, entre elas a instalación de semáforos, a ampliación do cruce ou calquera outra actuación que permita garantir unha circulación máis segura. O BNG tamén propón que o proxecto se redacte nun prazo inferior a catro meses e que sexa consensuado co tecido asociativo e veciñal da parroquia.
O portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, lembra que que “a veciñanza de Guizán leva anos denunciando este problema e a única resposta que recibiron ata agora, por parte do goberno do PP, foi que deran un rodeo para evitar o cruce”. Neste sentido, considera que “non é aceptable que unha demanda tan razoable continúe sen solución cando existen alternativas perfectamente viables para corrixir a situación”.
Atender as dez parroquias
Barcia defende ademais que o Concello debe atender con equilibrio as necesidades de toda a veciñanza. “Mos ten dez parroquias e todas merecen o mesmo nivel de atención e compromiso”, na súa opinión. O portavoz nacionalista agarda que a moción conte co apoio de toda a corporación, “poñendo os intereses da veciñanza de Guizán por riba das diferenzas políticas”, e espera que esta votación sirva para dar os primeiros pasos cara a unha solución definitiva para o camiño da Resteva.