ECONOMÍA
O BNG de Mos acusa ao PP de “gastar sen control” tras acumular 1,8 millóns de euros en facturas impagadas
O goberno de Nidia Arévalo bateu o seu propio récord co recoñecemento extraxudicial de crédito aprobado no último pleno
A interventora municipal advertiu sobre irregularidades no procedemento e posibles fraccionamentos de contratos
Mos, 28 de abril de 2026. O portavoz do BNG no Concello de Mos, Gustavo Barcia, manifestou a súa preocupación pola “nefasta xestión económica” do goberno de Nidia Arévalo trala aprobación, no último pleno, dunrecoñecemento extraxudicial de crédito de preto de 1,8 millóns de euros. Con esta cifra, o PP bate o seu propio récord, superando en 281.000 a xa de por si elevada contía do ano pasado.
“O recoñecemento extraxudicial de crédito é unha ferramenta excepcional que debería utilizarse só en ocasiones excepcionais”, sinala Gustavo Barcia, “pero o PP recorre a este procedemento para afontar gastos cotiás”. De feito, a partida máis avultada corresponde a 300.000 euros en facturas da luz. De xullo a decembro de 2025, o goberno municipal deixou sen pagar este subministro.
Segundo o portavoz do BNG, “a acumulación de facturas impagadas pon de manifesto a falta de control no gasto e a ausencia total de previsión do equipo de goberno”. Na súa opinión, resulta especialmente “caótica” a xestión da Concellería de Cultura, onde teñen a súa orixe moitas destas facturas. “Pese a ter maioría absoluta e unha concelleira con dedicación exclusiva”, indica Barcia, “o PP foi incapaz de aprobar o plan cultural en 2025”. Isto obrigou ao Concello a asumir moitos gastos para os que non existía partida orzamentaria.
Outros dos gastos máis rechamantes son os derivados da festa de pre fin de ano, que ascenderon aproximadamente a 40.000 euros; os 35.000 que custaron as orquestras da Festa da Rosa ou os máis de 17.000 correspondentes a facturas relacionadas coa etapa da Vuelta que non chegou ao alto de Herville. Aínda así, Barcia avirte de que o desembolso total foi aínda maior, “xa que non se inclúen todas as facturas relacionadas con estes eventos”.
Informe de intervención
O Partido Popular levou a pleno este recoñecemento extraxudicial de crédito para levantar o reparo suspensivo emitido dende a Intervención municipal. No seu informe, o departamento encargado de fiscalizar as contas do Concello de Mos sinalou que o goberno estaba saltándose os procedementos mínimos que esixe a lei de contratación pública. A interventora denunciou que o goberno só lle dera un par de horas para analiazar toda a documentación e advertiu, ademais, de posibles irregularidades como ausencia de trámites, falta de control no gasto ou fraccionamientos de contratos.