TRIBUNAIS

O goberno de Nidia Arévalo deberá responder ante a Xustiza pola prórroga da cesión da parcela de Forbo

Parcela Forbo
Parcela Forbo

O portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, levou aos tribunais as supostas irregularidades do procedemento

O recurso contencioso-administrativo cuestiona diversos aspectos da tramitación da prórroga aprobada no pleno do Concello de Mos

O goberno de Nidia Arévalo deberá responder ante a Xustiza pola prórroga da cesión da parcela de Forbo

Mos, 9 de abril de 2026. O vindeiro luns, 13 de abril, celebrarase no Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 3 de Pontevedra o xuízo relativo ao procedemento de prórroga da cesión da parcela municipal da antiga Forbo, situada en Dornelas. O proceso xudicial ten a súa orixe nun recurso presentado polo portavoz municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia, tras a decisión do goberno de Nidia Arévalo de prorrogar por 25 anos a cesión dos terreos a unha empresa privada.

A demanda  pon o foco en diversas cuestións relativas á tramitación da prórroga, aprobada no pleno municipal cos únicos votos a favor do Partido Popular. Segundo o portavoz do BNG, no expediente existirían “aspectos procedementais irregulares que deberían ser revisados”. Por este motivo, solicita a anulación da prórroga e a revisión do contrato, ao considerar que poderían existir elementos que afectan á súa validez.

Barcia, insiste en que leva este asunto aos tribunais “co obxectivo de que sexa a Xustiza quen determine se o procedemento seguido foi axeitado e se se axusta á legalidade vixente”. Na súa opinión, “trátase dun asunto de relevancia para o patrimonio municipal e é importante que se resolva con todas as garantías e coa máxima transparencia”.

No recurso presentado, o portavoz do BNG sinala que “faltan informes e documentos que en circunstancias normais deberían formar parte do expediente”. Barcia manifesta, ademais, que existen dúbidas sobre o cálculo do canon anual establecido para a cesión dos terreos e sobre o grao de cumprimento das condicións recollidas no contrato orixinal por parte da empresa.

O goberno de Nidia Arévalo deberá responder ante a Xustiza pola prórroga da cesión da parcela de Forbo