MEDIO AMBIENTE
O BNG de Mos denuncia o desperdicio de 1.700 litros diarios de auga potable por unha avaría mal reparada
A fuga está situada sobre o río Louro, nunha tubaxe da rede pública de distribución de auga entre o encoro de Eiras e O Porriño
Gustavo Barcia: “Dende hai seis meses estase vertendo, cada día, o equivalente ao consumo de tres vivendas sen que ninguén faga nada”
Mos, 24 de marzo de 2026. O BNG de Mos esixe a reparación inmediata dunha fuga na rede pública de abastecemento que está provocando, diariamente, a vertedura de máis de 1.700 litros de auga potable no río Louro. O problema vense rexistrando, cando menos, dende hai seis meses e ten a súa orixe nunha rotura da tubaxe da canle de distribución entre o encoro de Eiras e O Porriño á altura da ponte do camiño da Gata, na parroquia de Mos.
O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, cualifica de “chapuza” a colocación dun parche para tratar de solucionar a avaría. Pero o problema máis grave, na súa opinión, é “a neglixencia do PP de Nidia Arévalo, que preferiu mirar para outro lado e non facer nada”. Foi a propia veciñanza a que se puxo en contacto co grupo municipal do BNG para denunciar a situación ante a inacción do goberno.
A cantidade de auga que se está desperdiciando sería equivalente, de acordo cos cálculos do BNG, ao consumo diario de tres casas de Mos. Ademais, Barcia destaca que se trata de “auga tratada con cloro” e lembra que, de acordo coa normativa ambiental, “está terminantemente prohibido vertela sobre un cauce fluvial”.
Sen acceso á auga pública
Máis alá das consideracións de tipo ambiental, o portavoz do BNG lembra que moi preto do lugar onde se rexistrou a avaría “existen vivendas que non teñen acceso á rede pública de abastecemento de auga”. Para Gustavo Barcia, “esta fuga representa o que é o goberno municipal do Partido Popular: indiferencia ante os problemas, chapuzas por todos lados e desprezo absoluto pola veciñanza”.