TRANSPARENCIA

O BNG alerta sobre irregularidades na preinscrición para a escola infantil do Rebullón

O grupo municipal nacionalista reclama a retirada inmediata do formulario por unha vulneración da Lei de Protección de Datos

Gustavo Barcia teme que o PP de Nidia Arévalo pretenda facer un “uso caciquil” da información proporcionada polas familias

O BNG alerta sobre irregularidades na preinscrición para a escola infantil do Rebullón

Mos, 10 de marzo de 2026. O BNG de Mos denuncia que formulario para facer a preinscrición na escola infantil do Rebullón podería vulnerar a Lei de Protección de Datos. O portavoz do grupo municipal nacionalista, Gustavo Barcia, advirte de que “non se aclara, en ningún lugar, cal é o uso que se vai facer da información proporcionada polas familias”. Por este motivo, solicita a súa retirada inmediata da páxina web do Concello.

Barcia lamenta, ademais, a “falta de transparencia” de todo o procedemento. En ningún momento se lle explica, ás persoas que formalizan a solicitude, que o formulario é de carácter meramente informativo e non vinculante. Nun momento posterior terán que facer unha nova prematrícula, esta vez xa de maneira oficial. O proceso habilitado polo Concello de Mos está á marxe dos procedementos oficiais da Consellería de Política Social da Xunta de Galiza. Isto, segundo Barcia, “ademais de ser irregular resulta confuso para a veciñanza”.

O portavoz nacionalista no Concello teme que o PP de Nidia Arévalo pretenda facer “un uso caciquil dos datos proporcionados na prematrícula da prematrícula”. Na súa opinión, a través deste procedemento, o goberno municipal “obtén de maneira irregular información sobre as familias que teñen necesidades de conciliación”. Vai aínda máis alá ao manifestar a súa preocupación ante a posibilidade de estes datos “acaben en mans de empresas privadas”.

 

Precedentes

Non é a primeira vez que o PP de Nidia Arévalo incorre nunha posible vulneración da Lei de Protección de Datos. A semana pasada, tras unha reclamación do BNG, foi retirada da páxina web do Concello unha publicación cos nomes completos e os números de DNI das persoas que accederon a unha subvención municipal. Gustavo Barcia non descarta a posiblidade de acudir a outras instancias “en caso de que se sigan producindo este tipo de abusos”.

 

PD. A raíz da reclamación do BNG, o goberno engadiu no formulario unha advertencia sobre o tratamento de datos, pero o documento segue a presentar irregularidades.

O BNG alerta sobre irregularidades na preinscrición para a escola infantil do Rebullón