PROTECCIÓN DE DATOS

O BNG de Mos pide responsabilidades pola publicación dos datos de familias que accederon a unha axuda municipal

Gustavo Barcia
Gustavo Barcia

O goberno do PP pendurou na web do Concello un listado completo con nomes, apelidos e números de DNI das persoas que obtiveron unha subvención

Gustavo Barcia considera que se trata dunha “infracción gravísima” e reclama a habiliten os mecanismos precisos “para que non volva acontecer algo así”

O BNG de Mos pide responsabilidades pola publicación dos datos de familias que accederon a unha axuda municipal

Mos, 3 de marzo de 2026. O grupo municipal do BNG de Mos instou ao goberno do PP a retirar, de maneira inmediata, unha publicación da páxina web do Concello na que aparecían os nomes completos e números de DNI das persoas que recibiron unhas axudas municipais. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera que “se trata dunha vulneración flagrante da lei de protección de datos” e pide a depuración de responsabilidades ante un erro de tal magnitude.

Barcia indica que o BNG solicitou unha rectificación inmediata desta publicación en canto se tivo coñecemento da situación. Denuncia, ademais, que “non se trata de algo puntual ou anecdótico”, xa que o PP actúa “sistematicamente”, na súa opinión, “cun desleixo absoluto polos procedementos administrativos máis elementais  que garanten os dereitos da cidadanía”.

A lexislación actual contempla sancións moi considerables ante este tipo de neglixencias e a Axencia de Protección de Datos xa actuou en ocasións anteriores en contra das administracións que vulneraron o dereito á privacidade da cidadanía. Por este motivo, o BNG de Mos reclama que se activen os mecanismos necesarios para evitar que se repitan situacións similares.

 

“Abandono de funcións”

Gustavo Barcia lamenta que o PP de Nidia Arévalo fixera “oídos xordos” ante as reiteradas solicitudes do BNG para tomar en serio a protección de datos do Concello. Algunhas das medidas que se propuxeron, sen éxito, foron a actualización dos modelos dos escritos, a designación de persoal responsable do tratamento de datos ou a actualización da páxina web, entre outras. En opinión de Barcia “o abandono de funcións do goberno municipal é cada vez máis evidente e este é un dos reflexos máis preocupantes desta situación”.

 

O BNG de Mos pide responsabilidades pola publicación dos datos de familias que accederon a unha axuda municipal