PATRIMONIO
O BNG de Mos pide a declaración de BIC para a igrexa de Guizán e o Pazo de Mos
O único elemento dotado da máxima categoría de protección legal en Mos é o dolmen de San Colmado, no recinto do Círculo Mercantil
Gustavo Barcia: “Non abonda con presumir do patrimonio, hai que coidalo e poñelo en valor con todas as ferramentas ao noso alcance”
Mos, 18 de decembro de 2025. O Grupo Municipal do BNG de Mos levará ao próximo pleno unha moción para solicitar á Xunta de Galiza a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Igrexa románica de Santa María de Guizán e do Pazo de Mos, dous dos elementos patrimoniais máis relevantes do concello polo seu valor histórico, arquitectónico e cultural. A iniciativa pretende avanzar na conservación e posta en valor dun patrimonio que forma parte da identidade colectiva da veciñanza de Mos.
Na actualidade, Mos conta cun único elemento patrimonial incluído no catálogo autonómico dos BIC: a mámoa de San Colmado ou do Meixoeiro, situada no recinto do Círculo Mercantil, algo dificilmente comprensible se se ten en conta a ampla riqueza patrimonial existente no municipio. Para o portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, “é evidente que Mos ten moitos máis elementos que merecen a máxima protección patrimonial, e é responsabilidade das administracións impulsar ese recoñecemento”.
O grupo municipal do BNG entende que tanto a igrexa de Santa María de Guizán, templo románico do século XII con posibles restos anteriores de orixe visigótica, como o Pazo de Mos, edificio singular pola súa arquitectura e pola relevancia histórica das liñaxes representadas no seu escudo, reúnen sobradamente os valores necesarios para seren declarados BIC. “Non abonda con presumir do patrimonio, hai que coidalo e poñelo en valor con todas as ferramentas ao noso alcance”, sinala Barcia.
Obrigas e oportunidades
O portavoz nacionalista no Concello lembra que “a declaración de BIC implica obrigas de conservación, pero tamén abre a porta ao acceso a axudas e recursos públicos para a rehabilitación e mantemento deste patrimonio”. Neste sentido, o BNG anuncia que esta moción é un primeiro paso, xa que no futuro proporá a ampliación do catálogo de BIC a máis bens do concello. O texto, de feito, inclúe unha solicitude para que o goberno elabore, en colaboración cos técnicos municipais, un catálogo no que se inclúan todos os elementos susceptibles de acceder á máxima figura de protección patrimonial.