FESTA LOCAL

O BNG cualifica de “provocación” a designación de Carlos Mouriño e altos cargos do PP como persoas valedoras da Rosa

Gustavo Barcia

En lugar de buscar nomes de consenso, o goberno do PP optou por perfís partidistas e polémicos que alimentan a división da veciñanza

Gustavo Barcia: “Nidia Arévalo xa expulsou á parroquia de Petelos da Festa da Rosa e agora quere expulsarnos a todos os que non somos do PP” 

O BNG cualifica de “provocación” a designación de Carlos Mouriño e altos cargos do PP como persoas valedoras da Rosa

Mos, 29 de maio de 2025. O BNG de Mos vén de manifestar a súa máis firme oposición á recente designación de varias das “persoas valedoras da Rosa”, un recoñecemento creado polo goberno municipal do PP o ano pasado. De cara á próxima edición da Festa da Rosa, algúns dos nomes elixidos para recibir esta distinción supoñen, en palabras do portavoz nacionalista Gustavo Barcia, “unha provocación en toda regra”.

Para o BNG, este tipo de recoñecementos institucionais deberían ser acordados con criterios de consenso, coa participación dos grupos da oposición e do tecido asociativo local, e non empregados como ferramentas de confrontación política. “O PP busca a división en vez de apostar pola unión da veciñanza e os valores compartidos”, lamentou Gustavo Barcia.

Desde o BNG aclaran que non se opoñen á inclusión de nomes como a Asociación Galega de Residentes de Mos na Arxentina ou o cineasta Daniel Sánchez Arévalo, cuxo labor e vinculación co concello merecen respecto. Tampouco presentan obxeccións á elección de Martina Sane como “Valedora da Rosiña”, unha figura creada este ano. Con todo, Barcia advertiu que estes nomes “están incluídos para disimular e tentar xustificar un listado que, no fondo, responde a intereses partidistas e provoca un profundo malestar entre a veciñanza”.

“A Festa da Rosa, ata hai ben pouco, era unha festa para toda a veciñanza, pero agora Nidia Arévalo e o PP decidiron convertela na festa do Partido Popular”, declarou Barcia. O BNG considera que a elección de figuras como a ex ministra Ana Pastor, o conselleiro de Educación Román Rodríguez ou o expresidente do Celta Carlos Mouriño confirma o carácter partidista e excluínte desta distinción.

 

Criterio partidista

O BNG amosouse especialmente crítico coa designación de Carlos Mouriño, cuxa relación co concello de Mos estivo marcada pola polémica operación para apropiarse do monte comunal de Tameiga e promover un proxecto urbanístico que xerou unha enorme contestación veciñal. “É un señor que deu as costas á afección do Celta, que viu a Mos como un señor feudal e que dividiu este concello enfrontando e tratando de asoballar”, afirmou Barcia. 

Tamén suscita rexeitamento a elección de Javier Guillén, director de Unipublic, organizadora da Volta Ciclista a España. “Vostedes queren vender que este señor e Unipublic queren un montón a Mos,  “indicou Barcia, “cando o que queren son os cartos públicos que lles damos, por exemplo os 50.000 euros que custou a etapa da volta ciclista hai un par de anos”.

Sobre o conselleiro Román Rodríguez, Barcia lembrou o seu menosprezo aos sindicatos de ensino e as críticas que recibe da comunidade educativa. Na súa opinión, o goberno do PP “debería escoitar ás ANPAS e ás direccións dos centros educativos públicos do concello”, moi críticas coa xestión da Consellería de Educación, “antes de incluír este nome na lista”.

No caso de Ana Pastor, a súa escasa vinculación con Mos queda ao descuberto, segundo o BNG, no propio dossier que o goberno local elaborou para xustificar a súa designación. Tal como denunciou Barcia no último pleno, “das cinco páxinas que lle dedican á ex ministra, copiadas da Wikipedia, só media está adicada ao que fixo por Mos, e neses parágrafos non nomean ningún proxecto concreto”. O portavoz nacionalista lembrou, ademais, que nos seus cinco anos á fronte de Fomento “non liberou a peaxe da AP-9, non reformou a autovía nin fixo nada para humanizar a estrada N-550”.

Gustavo Barcia engadiu que, o ano pasado, o BNG xa denunciara o traslado da Festa da Rosa devde a parroquia de Petelos —onde se celebraba tradicionalmente dende había máis de 50 anos— á contorna do Pazo de Mos sen ningún tipo de diálogo ao respecto. En opinión de Barcia,  “a alcaldesa Nidia Arévalo xa expulsou á parroquia de Petelos da Festa da Rosa e agora quere expulsarnos a todos os que non somos do PP”.

O BNG cualifica de “provocación” a designación de Carlos Mouriño e altos cargos do PP como persoas valedoras da Rosa