ECONOMÍA

O BNG de Mos culpa á “alcaldesa ausente” pola falta de orzamentos para 2025

GBARCIA2501 H
Gustavo Barcia

A pesar de contar cunha cómoda maioría absoluta, o PP de Nidia Arévalo foi incapaz de presentar en tempo e forma as contas do próximo ano

Gustavo Barcia: “A alcaldesa e a concelleira de Facenda están máis centradas nas súas ambicións políticas persoais que nas necesidades de Mos”

O BNG de Mos culpa á “alcaldesa ausente” pola falta de orzamentos para 2025

Mos, 13 de xaneiro de 2025. O BNG de Mos amosou publicamente a súa preocupación pola ausencia de orzamentos municipais para o presente ano 2025 e culpa tanto á alcaldesa, Nidia Arévalo, como á Concelleira de Facenda, Feli Rodríguez, pola súa "falta de xestión e compromiso" co Concello. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, sinala que, “as contas municipais deberían estar xa aprobadas antes de final de ano para afrontar o inicio do novo exercicio económico con plenas garantías”.

Normalmente, a aprobación dos Orzamentos lévase ao pleno no mes de novembro, pero este ano, tal como explica Barcia, “as contas de 2025 nin sequera chegaron a debaterse no pleno ordinario de decembro”, que se celebrou o pasado luns 30. A consecuencia directa desta desatención será a prórroga dos orzamentos de 2024, un feito que podería ter graves repercusións para o tecido asociativo local e para o conxunto da veciñanza.

O BNG denuncia que tanto Nidia Arévalo, tamén senadora, como Felisa Rodríguez, deputada no Parlamento Galego, están máis centradas “nas súas ambicións políticas” a nivel estatal e autonómico que nas necesidades de Mos. "Amosan un desinterese inadmisible nun momento no que as entidades sociais, culturais e deportivas están pendentes do apoio económico que van recibir para planificar as súas actividades", explica o portavoz nacionalista.

Responsabilidade

Desde o BNG esixen que tanto a alcaldesa como a Concelleira de Facenda asuman as súas responsabilidades e poñan os intereses da veciñanza por riba dos seus obxectivos persoais. "Durante Anos, Nidia Arévalo presumiu de presentar os orzamentos en tempo e forma como sinónimo de boa xestión, pero agora parece que este concello xa non lle importa", conclúe Gustavo Barcia.

O BNG de Mos culpa á “alcaldesa ausente” pola falta de orzamentos para 2025