VÍAS E OBRAS

O BNG pide melloras no proxecto de reforma da estrada Puxeiros-Mos ao seu paso por Dornelas

Algunhas das propostas, que xa foron trasladadas á Deputación, foron compiladas nun encontro celebrado coa veciñanza das zonas afectadas

No escrito solicítase a revisión das liñas continuas, a recolocación dos colectores do lixo ou a reserva de espazo para prazas de aparcadoiro

O BNG pide melloras no proxecto de reforma da estrada Puxeiros-Mos ao seu paso por Dornelas

Mos, 12 de novembro de 2024. A reforma da estrada provincial EP-2601, entre Puxeiros e Mos, segue o seu curso e nos próximos meses está prevista a execución da segunda fase das obras nun tramo que discorre principalmente pola parroquia de Dornelas. Tras a publicación do expediente, o BNG de Mos convocou un encontro informativo no que se avaliaron as carencias do proxecto e se estudaron distintas posibilidades de mellora.

Despois da reunión, celebrada no Local Social de Dornelas, o BNG presentou senllos escrtitos, no Concello e na Deputación de Pontevedra, nos que se recollen varias propostas de actuación. Unha delas é a revisión das liñas continuas e descontinuas previstas ao longo de todo o percorrido xa que, tal como indica o portavoz municipal do BNG, Gustavo Barcia, “en moitos casos non se respectan as entradas a propiedades e vivendas”.

O portavoz nacionalista no Concello solicita tamén a recolocación dalgúns colectores do lixo para garantir a seguridade das persoas usuarias, así como a habilitación de prazas de aparcadoiro nas marxes da estrada. Outras propostas implicarían o traslado dun paso de peóns, a reserva de espazo para o estacionamento de autobuses nas marquesiñas ou a rebaixa da cota da calzada nalgúns puntos conflitivos. Do mesmo modo, tamén se solicita que se teñan en conta as necesidades das traídas veciñais de augas, tanto en Dornelas como en Torroso, para a canalización e renovación das tubaxes.

 

Evitar unha nova “chapuza”

Gustavo Barcia defende que as propostas do BNG son de “carácter construtivo” e, de feito, amosouse satisfeito de que o proxecto corrixa algunhas das deficiencias denunciadas no primeiro tramo da reforma, completado hai algúns meses na parroquia de Mos. Aínda así, o concelleiro nacionalista esixe “máximo rigor” na execución de obras públicas e advirte de que o grupo municipal do BNG fará un seguimento minucioso dos traballos “para evitar que esta segunda fase da reforma acabe converténdose nunha nova chapuza do PP”.

O BNG pide melloras no proxecto de reforma da estrada Puxeiros-Mos ao seu paso por Dornelas