MEDIO AMBIENTE

O BNG de Mos denuncia novas verteduras procedentes da cidade deportiva Afouteza

Un veciño alertou da presenza dun líquido branco na rede de saneamento e esa mesma substancia apareceu nunha poza da parroquia de Cela

O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, acusa ao goberno do PP de “mirar para outro lado” e esixe a adopción de medidas urxentes

O BNG de Mos denuncia novas verteduras procedentes da cidade deportiva Afouteza

Mos, 1 de outubro de 2024. A presenza dun líquido branco de orixe descoñecida na rede de recollida de pluviais puxo en alerta, hai apenas uns días, á veciñanza das parroquias mosenses de Tameiga, Cela e Pereiras. Varios membros do Consello Local do BNG desprazáronse ata a zona e identificaron a orixe da vertedura nunha arqueta situada nas inmediacións da cidade deportiva Afouteza. Tomaron mostras da substancia e puxeron os feitos en coñecemento da Policía Local, que se desprazou ata o lugar para levantar atestado.

Varias persoas residentes na contorna advertiron tamén da presenza dese mesmo líquido nunha poza situada á beira da estrada Generoso Domínguez, en Cela, e os representantes do BNG chegaron a tempo de comprobar que tales afirmacións eran certas. A poza, que recolle as augas procedentes da parte alta do monte, xa estaba aberta e medio baleira, pero a presenza da substancia contaminante aínda era evidente. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, denuncia que “ou ben hai unha filtración da rede de sumidoiros ou ben hai unha vertedura incontrolada que está afectando ao sistema de recollida de augas de toda a zona”.

POZA CELA
POZA CELA
 

Acabar coa impunidade

Non é a primeira vez que a cidade deportiva Afouteza recibe denuncias pola existencia de verteduras contaminantes. Hai uns meses, Xustiza abriu dilixencias tras a detección, nunha tubaxe procedente das instalacións do Real Club Celta, dunha altísima concentración de fecais e varios compostos químicos asociados aos pesticidas e fertilizantes utilizados habitualmente para o mantemento dos campos de fútbol.

Gustavo Barcia acusa ao PP de Nidia Arévalo de “mirar para outro lado” a pesar das reiteradas protestas veciñais e pide “acabar coa impunidade” ante as sospeitas de que se están a cometer delitos contra o medio ambiente e a saúde pública. O portavoz do BNG reclama a adopción de medidas “con carácter urxente” e esixe “que a lei se aplique por igual para todo o mundo”. 

O BNG de Mos denuncia novas verteduras procedentes da cidade deportiva Afouteza