URBANISMO

O BNG de Mos presenta alegacións contra o polígono industrial da Arrufana

O proxecto implicaría o paso de tráfico pesado por zonas densamente poboadas e a veciñanza expresou o seu malestar ante a falta de información

Gustavo Barcia solicita que a tramitación se realice polo procedemento ordinario e non mediante unha avaliación simplificada, tal como pretende a Xunta

O BNG de Mos presenta alegacións contra o polígono industrial da Arrufana

Mos, 26 de setembro de 2024. O BNG de Mos vén de presentar, no rexistro da Xunta, un escrito de alegacións ao proxecto de creación do polígono industrial da Arrufana. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, denuncia que “tanto o goberno galego como o municipal están a actuar de maneira totalmente opaca” e cre que a veciñanza está “indefensa” ante un proxecto que “supón unha verdadeira ameaza para a calidade de vida en Louredo, Guizán, Peinador e Vilar”. As alegacións foron elaboradas tras un encontro con persoas residentes nas zonas afectadas, onde se puido constatar a falla de información en torno ao polígono.

As maiores preocupacións da veciñanza están relacionadas co incremento do tráfico pesado nas inmediacións do futuro parque empresarial. Os accesos serán, dende a N-550, a través da estrada EP-2906 Os Valos-Guizán e, dende a autoestrada AP-9, a través da estrada EP-2602 Peinador-Louredo, ambas de titularidade provincial. Barcia advirte de que “as vías que dan servizo aos núcleos residenciais xa están saturadas e non van poder atender axeitadamente as necesidades dunha área industrial como a que se está a proxectar”. 

 

O portavoz do BNG de Mos considera que “un proxecto destas características non pode tramitarse mediante un procedemento de avaliación ambiental simplificada, tal como pretende a Xunta de Galiza”. Insiste en que a construción do polígono “supón unha ameaza non só para a calidade de vida, senón tamén para os recursos hídricos e o patrimonio histórico”. O proxecto afectará directamente á zona de protección do Porto dos Valos e, de forma indirecta, a varios xacementos megalíticos. Por estes motivos, Barcia solicita que, “en caso de seguir adiante coa tramitación, esta se realice polo procedemento ordinario”

 

Necesidade real

O grupo municipal do BNG considera que o goberno debe avaliar a necesidade real de crear un novo parque empresarial no concello de Mos. Barcia lembra que xa existen, no termo municipal, tres polígonos industrias: o do Rebullón, o de Monte Faquiña e o da Veigadaña. Este último, ademais, está sen rematar, xa que as administracións competentes aínda non construíron o acceso directo dende a A-55 proxectado dende hai xa máis dunha década.

O portavoz nacionalista indica ademais que, na Veigadaña, “aínda que practicamente a totalidade das parcelas están vendidas, unha parte moi significativa delas está sen construción algunha”. Na súa opinión, isto é un indicativo de que “ou ben non hai necesidade real ou ben se están a producir movementos especulativos en torno ao solo empresarial de Mos”. Por outra parte, entende que tamén se deben ter en conta os proxectos para crear ou ampliar áreas industriais noutros concellos veciños.

 

 

*No caso de necesitar unha copia impresa, ou mesmo se queres que recollamos as alegacións xa asinadas para meter por rexistro da Xunta, ponte en contacto connosco a través do número de teléfono 608088383.

https://mos.bng.gal/media/bngmos/files/2024/09/24/ALEGACI%C3%93NS_POLIGONO%20ARRUFANA.pdf

 

O BNG de Mos presenta alegacións contra o polígono industrial da Arrufana