MALGASTO

O BNG pide explicacións polo gasto desmesurado en letreiros de ‘Somos Mos’

O goberno de Nidia Arévalo incluíu no último recoñecemento extraxudicial de crédito facturas por importe de 22.000 euros para pagar catro carteis luminosos

Gustavo Barcia considera que ese diñeiro “estaría mellor investido nos servizos sociais ou en dar apoio á cultura e o deporte”

O BNG pide explicacións polo gasto desmesurado en letreiros de ‘Somos Mos’

Mos, 15 de xuño de 2022. No último pleno do Concello de Mos, o goberno do PP aprobou un novo recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte a facturas atrasadas por un importe de máis 150.000 euros. Neste montante incluíase o pago dos 22.000 euros que custaron os letreiros de ‘Somos Mos’ instalados en San Cosme, Os Valos, Santiaguiño e Peinador, a pesar de que este último xa desapareceu, ao parecer, por mor dun camión. A esta cantidade habería que engadir os 6.000 euros que custaron as letras instaladas hai algún tempo na rotonda de Puxeiros, un gasto que o portavoz do BNG, Gustavo Barcia, cualificou como “prescindible” ao entender que “non responde ás necesidades da veciñanza”.

O concelleiro nacionalista denuncia, ademais, que a contratación dos letreiros luminosos non se axustou aos procedementos administrativos, xa que a Lei establece que os subministros de máis de 18.000 euros non poden considerarse, en ningún caso, contratos menores e deben tramitarse a través de licitación. Gustavo Barcia indica que “esta é unha tónica habitual do PP de Nidia Arévalo, a de realizar gastos desmesurados sen control nin xustificación”. No debate plenario, a alcaldesa explicou que foi a propia veciñanza a que reclamou os carteis de ‘Somos Mos’ nos accesos ao termo municipal, unha explicación que Gustavo Barcia considera “ridícula”. Na súa opinión, “isto demostra o afastado que está o PP dos problemas reais da xente, xa que os veciños e as veciñas de Mos non necesitan un cartel que lles diga onde viven”.

 

Diñeiro malgastado

O concelleiro nacionalista lamenta “a nefasta xestión económica” do goberno municipal e considera que eses 22.000 euros “poderían destinarse a outras partidas que serían de moita máis utilidade para a veciñanza”. Lembra que o BNG foi o único partido que presentou emendas aos orzamentos do Concello e que todas foron rexeitadas polo PP, pero considera que “algunhas desas propostas poderían financiarse perfectamente con ese diñeiro”. Pon como exemplo a ampliación dos horarios do Centro de Información á Muller ou do Punto Limpo, o aumento das actividades con escolares ou o incremento das axudas ao tecido asociativo. Na súa opinión, “para un goberno obsesionado coas redes sociais, estas cousas parece que non dan para moitas fotos, por iso prefiren malgastar o diñeiro público en carteis luminosos”.

 

O BNG pide explicacións polo gasto desmesurado en letreiros de ‘Somos Mos’