MEDIO AMBIENTE

O BNG de Mos pide reforzar a propiedade veciñal do monte común

O pleno debaterá unha moción de apoio á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada dende ORGACCMM para elaborar unha lei de ámbito galego

Gustavo Barcia lamenta que o PP de Nidia Arévalo se sitúe “a vangarda daqueles que queren arrebatarlle a xestión dos montes á veciñanza”

O BNG de Mos pide reforzar a propiedade veciñal do monte común

Mos, 16 de maio de 2022. A Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) puxo en marcha unha Iniciativa Lexislativa Popular encamiñada a reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal, acadar un monte sustentable ao servizo da sociedade e recoñecer as comunidades de montes coma unha figura de protección ambiental e cultural en si mesmas. Esta proposta será remitida ao Parlamento Galego e o BNG de Mos vai reclamar, no próximo pleno, o apoio de toda a corporación municipal para a elaboración dunha lei que protexa a propiedade veciñal do monte. O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, cre que “os montes veciñais son, e deben seguir sendo, espazos abertos que poden reportar un gran beneficio á sociedade galega no seu conxunto”.

Os montes veciñais en man común ocupan unha cuarta parte do territorio galego e en Mos, a veciñanza xestiona unha porcentaxe moi importante do patrimonio ambiental do concello e nos últimos tempos rexistráronse varios conflitos derivados da instalación de empresas en terreos administrados por comunidades de montes. Nestes casos, o goberno de Nidia Arévalo optou sempre por defender os intereses da parte empresarial e o BNG considera que a corporación municipal debe pronunciarse en favor das asembleas comuneiras. “A alcaldesa de Mos situouse á vangarda daqueles que queren arrebatarlle a xestión dos montes á veciñanza”, indica Gustavo Barcia. Denuncia, ademais, que o PP pretende “desnaturalizar os montes veciñais, eliminando a súa característica de titularidade comunal, para convertelos en terreos de carácter privado” a través da reforma da Lei de Montes.

Xestión do territorio

A titularidade comunal dos montes e unha institución de orixe xermánico singular de Galiza. A xestión veciñal remóntase a tempos inmemoriais e o funcionamento asembleario das comunidades de montes encaixa á perfección nos postulados de distintos organismos internacionais que avogan por unha tenza máis xusta do territorio. Gustavo Barcia lembra que “a ONU e a FAO advertiron da necesidade de evitar o acaparamento dos montes nunhas poucas mans” e lamenta “o retroceso lexislativo da era Feixoo”, durante a que se aprobaron leis como a de Simplificación Administrativa ou a de Fomento Empresarial que teñen como obxectivo, segundo o portavoz do Grupo Municipal do BNG, “expropiarlle as terras á veciñanza para entregarllas a terceiros”.

O BNG de Mos pide reforzar a propiedade veciñal do monte común