EDUCACIÓN E CULTURA
O BNG de Mos reclama a construción dunha nova biblioteca e considera que a reforma da actual non é máis ca un “remendo”
Gustavo Barcia defende a necesidade de contar cun edificio de maiores dimensións, preto do Instituto e deseñado especificamente para ese fin
Propón reservar o nome de María Magdalena Domínguez para o novo equipamento e lamenta que a obra da poetisa non estea a disposición do público
Mos, 16 de maio de 2022. No último pleno do Concello de Mos, o BNG abstívose na votación para destinar 600.000 euros á reforma da Biblioteca Municipal. O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, expresou o seu desacordo coa decisión do goberno e apostou por construír un novo edificio “para ofrecer un servizo de calidade ás persoas usuarias, que son maioritariamente estudantes”. Na súa opinión, o espazo dispoñible nas actuais instalacións “é insuficiente” e entende que o emprazamento máis acaído para un equipamento destas características sería a contorna das Pozas, a carón do Instituto. Lembra, ademais, que de acordo co PXOM de 2017 “esta é a zona reservada para o desenvolvemento do futuro núcleo urbano do concello e é, polo tanto, o lugar onde se deben centralizar os servizos municipais”.
Gustavo Barcia defendeu a viabilidade económica de construír un novo edificio, de maiores dimensións e deseñado especificamente para acoller o servizo. Neste sentido, lembra que o Concello de Nigrán, “moi parecido a Mos en nivel de orzamento e poboación”, vén de construír unha nova biblioteca de 1,8 millóns de euros e que a Deputación de Pontevedra financiou un 80% dese importe. “Se o goberno quixera, podería chegar a un acordo similar e o custo sería perfectamente asumible para as arcas municipais”, explica o concelleiro. Considera, por outra parte, que “o PP de Nidia Arévalo non ten un plan de futuro para este concello máis aló dun eslogan, por iso o único que saben facer son chapuzas e remendos coma este”.
Homenaxe a María Magdalena
Respecto ao nome da nova Biblioteca Municipal, o BNG expresou o seu total acordo en render homenaxe a María Magdalena Domínguez, a poetisa de Mos, que faleceu hai agora menos dun ano. Barcia lamentou “o cinismo” da alcaldesa, que apelou á figura da escritora para criticar a abstención nacionalista na votación e pediulle “que abandone a súa pretensión de utilizar politicamente a memoria dunha persoa tan querida por toda a veciñanza”. Afirma que “o PP pretende ocultar, deste modo, a súa falta de criterio, cando é vergoñento que a obra completa de María Magdalena nin sequera forme parte dos fondos da biblioteca”.