CIDADE DEPORTIVA
O BNG pide explicacións, no Parlamento Galego, sobre a legalización do “pelotazo urbanístico” do Celta
Alexandra Fernández ve inxustificada a declaración de interese autonómico para un proxecto declarado ilegal en distintas instancias xudiciais
O concelleiro Gustavo Barcia afirma que “o PP, tanto en Mos como na Xunta, está retorcendo as normas para beneficiar a un empresario amigo”
Mos, 13 de setembro de 2022. O Bloque Nacionalista Galego acusa á Xunta de favorecer a legalización do pelotazo urbanístico do Celta no concello de Mos mediante a declaración de interese autonómico. A fronte nacionalista reclamará no próximo Pleno do Parlamento galego que o Goberno de Alfonso Rueda explique os criterios para tomar esta decisión que, a xuízo do BNG, non está xustificada e se trata dun subterfuxio para facilitar o encaixe legal do proxecto e para sortear a ampla oposición veciñal.
“A Xunta volve empregar a declaración de interese autonómico como instrumento para favorecer unha empresa privada perante os intereses colectivos”, denunciou a deputada do BNG no Parlamento galego, Alexandra Fernández, após manter xunto co portavoz municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia, unha reunión con representantes da Comunidade de Montes de Tameiga, en loita contra o proxecto que ameaza terreos comunais.
Fernández subliñou que esta declaración “afectaría ao desenvolvemento xa existente declarado ilegal”, primeiro polo xulgado de Pontevedra e logo ratificado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A deputada nacionalista advertiu que a finalidade é “buscar un subterfuxio legal co que expropiar solo rústico a prezo barato” para finalizar o macroproxecto urbanístico.
Desde o BNG reiteraron a súa oposición a este pelotazo polo seu impacto ambiental, con afectación dos solos, a auga e a paisaxe; patrimonial e arqueolóxico; así como polo económico, diante da pretensión da sociedade anónima deportiva de levantar unha superficie comercial de 142.000 metros cadrados vinculada á xa construída cidade deportiva. “Esta é unha operación altamente lucrativa a costa da perda de solo mancomunal e dos valores ambientais do monte”, criticou Fernández.
A deputada nacionalista lembrou a complicidade do PP desde a Xunta durante todo o proceso á hora facilitar o avance da operación, aprobando de forma fragmentada o proxecto en lugar de realizar unha avaliación ambiental da totalidade, e malia a unha ampla oposición veciñal. Un elemento fundamental sobre o que se declarou a ilegalidade das obras. “Procurouse un modus operandi consistente en ir construíndo e ocupando solo grazas a licenzas fragmentadas e tramitacións exprés de Concello e Xunta, xerando así unha dinámica coercitiva”, explicou.
“Escurantismo” para beneficiar un empresario amigo
A nivel municipal, o goberno do PP en Mos avanzaba recentemente na aprobación do plan urbanístico que pretende legalizar esta primeira fase construída, coa firme oposición do Bloque desde o inicio do proceso. "O PP tanto en Mos como na Xunta está actuando con absoluto escurantismo e retorcendo as normas para beneficiar a un empresario amigo, son as mañas da época da burbulla inmobiliaria onde baixo a promesa de diñeiro fácil e postos de traballo se cometeron todo tipo de falcatruadas”, denunciou nese sentido o portavoz municipal do BNG de Mos, Gustavo Barcia.
Barcia puxo como exemplo destas prácticas o feito de que o Goberno galego ignorara un informe sobre a existencia dun importante xacemento arqueolóxico, de máis de catro mil anos de antigüidade, descuberto durante as obras na parroquia de Pereiras. “O que fixeron foi botarlle cemento por riba para que non molestase ao megaproxecto de cidade deportiva, e iso mesmo pretende facer con aqueles que están en contra deste pelotazo”, remachou.