ECONOMÍA

O BNG tacha de “incompetente” ao goberno do PP por acumular preto de 1,7 millóns de euros en facturas impagadas en 2023

Recoñecemento H

O PP de Nidia Arévalo aprobou un recoñecemento extraxudicial de crédito no que se inclúen miles de euros en merchandising e varios meses de electricidade.

Os informes técnicos de Intervención advirten sobre posibles fraccionamentos de contratos, o cal suporía un delito contra a Administración Pública.

Gustavo Barcia, portavoz do BNG de Mos: "se o Concello fora unha empresa, todos os membros do goberno estarían despedidos por actuar contra a propia empresa".

O BNG tacha de “incompetente” ao goberno do PP por acumular preto de 1,7 millóns de euros en facturas impagadas en 2023
Mos, 7 de marzo de 2024. O pleno do Concello de Mos aprobou, cos únicos votos a favor do PP, un recoñecemento extraxudicial de crédito por valor de 1.673.485 euros, unha cantidade que se destinará a afrontar débedas pendentes do ano 2023. O BNG amosou a súa oposición ao considerar que este mecanismo de pago, de carácter extraordinario, debería utilizarse esencialmente "ante situacións sobrevidas que non se podían previr nos orzamentos". O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, lamentou que para o PP sexa "unha tradición coma o Nadal" sacar, a principios de ano, "centos de facturas impagadas que estaban no caixón".

A cifra é, con diferenza, a máis elevada en moito tempo, algo que para o BNG "non resulta casual" nun ano electoral. O recoñecemento extraxudicial de crédito aprobado en marzo de 2023 ascendera a 1,2 millóns de euros e en 2022, a algo máis de 950.000. Nesta ocasión, entre os gastos asumidos que non tiñan respaldo orzamentario hai decenas de facturas do departamento de Vías e Obras, "algunhas delas correspondentes a traballos realizados en propiedades de carácter privado", tal como indica Gustavo Barcia, e decenas de miles de euros destinados á produción de merchandising e material propagandístico como calendarios ou postais de Nadal.

Tamén se inclúen, entre os gastos sen ningún tipo de contrato nin respaldo orzamentario, todas as facturas da electricidade de abril a novembro, por un importe de 533.000 euros, e outros 200.000 correspondentes ao departamento de Cultura. Esta última cifra, segundo o portavoz do BNG, resulta especialmente significativa, xa que o orzamento da Concellería para todo o ano ascendía precisamente a 200.000 euros. Isto, en palabras de Barcia, "significa que o PP gastou o dobre do que tiña consignado para todo o ano".

 

Facturas dubidosas

O portavoz municipal nacionalista cualifica de "absoluto desastre" a xestión económica do PP e advirte de que "o descontrol das contas municipais podería levar ao Concello a ser intervido polo Ministerio de Facenda". Insiste en que "moitas das 670 facturas presentadas son máis que discutibles" e apunta que, de acordo cos informes técnicos de Intervención, "poderían existir fraccionamentos de contratos, o cal suporía un delito contra a Administración Pública".

Barcia considera que Nidia Arévalo "é incapaz de xestionar racionalmente a economía municipal" e cre que a alcaldesa "non só debería desculparse ante a veciñanza, senón que debería esixir responsabilidades aos membros do seu goberno" pola existencia de centos de facturas "máis que dubidosas". Na súa opinión, "se o Concello fose unha empresa, os dez concelleiros e concelleiras do PP perderían inmediatamente o seu posto de traballo por incompetencia e por actuar en contra da propia empresa". O grupo municipal do BNG denuncia, ademais, que “mentres se producía este descontrol nos gastos, o PP aprobou o incremento dos seus propios soldos, a contratación dun asesor e a suba do IBI nun 35%”.

 

O BNG tacha de “incompetente” ao goberno do PP por acumular preto de 1,7 millóns de euros en facturas impagadas en 2023