MALGASTO

O BNG de Mos pide explicacións pola adquisición dun coche oficial para a alcaldía

Gustavo Barcia

O goberno de Nidia Arévalo sacou a licitación o renting dun vehículo de alta gama, por 540 euros ao mes, mentres a situación das arcas municipais é crítica.

Gustavo Barcia: “É un gasto inaceptable nun Concello que non ten diñeiro nin para clips por culpa da irresponsable xestión económica do PP”.

O BNG de Mos pide explicacións pola adquisición dun coche oficial para a alcaldía

Mos, 15 de abril de 2024. O grupo municipal do BNG de Mos amosou o seu desacordo coa contratación dun coche oficial para a alcaldía, un gasto que o portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, considera “inxustificado e inaceptable”. O goberno do PP sacou recentemente a licitación o renting dun vehículo, sen opción a compra, cunhas características específicas: un turismo SUV todocamiño cunha cilindrada de 1.450CC ou superior, con prestacións tecnolóxicas de vangarda e data mínima de primeira matriculación no ano 2023. En palabras de Barcia, “a alcaldesa quere que entre toda a veciñanza lle paguemos un coche de alta gama”.

A adquisición deste vehículo implicará, de acordo co prego de condicións, un desembolso de 540 euros ao mes durante catro anos. Para o BNG, trátese dun “capricho suntuario” que demostra que “Nidia Arévalo está cada vez máis afastada da realidade da xente de Mos”. A licitación deste contrato prodúcese, ademais, pouco despois da aprobación dun recoñecemento extraxudicial de crédito que supuxo o pagamento de 1.700.000 euros en facturas atrasadas de 2023. “Cando non temos diñeiro nin para comprar clips”, explica Gustavo Barcia, “o Partido Popular ponlle un coche oficial á alcaldesa”. Na súa opinión, “gastos irresponsables coma este foron os que levaron ao Concello de Mos a unha situación económica realmente crítica”.

 

Hipocrisía

O portavoz municipal do BNG denuncia, por outra parte, “a hipocrisía e o cinismo da senadora Arévalo”, que hai uns días defendía o traballo desinteresado dos concelleiros “de pueblo”. Nun discurso vehemente dende o atril da Cámara Alta, a alcaldesa popular afirmaba que “non teñen soldo, nin Falcon, nin asesores”, esquecendo que ela mesma cobraba, ata hai pouco, 50.000 euros do Concello de Mos. “Agora, no Senado, cobra bastante máis”, indica Barcia, “pero é que ademais conta cunha asesora de comunicación que cobra máis de 30.000 euros ao ano e, dende hai uns meses, tamén cun secretario persoal cun soldo de preto de 40.000 euros a cargo das arcas municipais”. A estes gastos sumarase, proximamente, o renting do coche oficial da alcaldía.

O BNG de Mos pide explicacións pola adquisición dun coche oficial para a alcaldía