SEGURIDADE
O BNG de Mos denuncia que os extintores das instalacións municipais levan máis dun ano coa revisión caducada
Os sistemas antiincendios deben revisarse anualmente, pero o Concello de Mos non ten ningunha empresa contratada para realizar ese traballo.
Gustavo Barcia: “O PP ten moita présa á hora de adquirir un coche oficial, pero esquece contratar os servizos de seguridade máis elementais”.
Mos, 14 de maio de 2024. O BNG de Mos esíxelle ao goberno municipal o cumprimento da normativa contra incendios nas dependencias do Concello. De acordo coas etiquetas de mantemento, os extintores e as bocas de incendios foron revisadas, por última vez, en xuño de 2022, cando a normativa vixente establece que os equipos de protección contra o lume deben ser revisados, como mínimo, unha vez ao ano.
O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, lamenta “o desinterese do goberno do PP ante a necesidade de garantir as mínimas condicións de seguridade, tanto para o persoal municipal como para as persoas usuarias dos equipamentos públicos” e pide explicacións sobre esta “inaceptable neglixencia”.
O problema, tal como indica Barcia, “non se limita a un simple descoido puntual”, xa que o goberno de Nidia Arévalo aínda non sacou a licitación a contratación dunha empresa de mantemento de extintores e sistemas antiincendio. Agora mesmo, ninguén se fai cargo do correcto funcionamento dos dispositivos instalados en edificios que usan diariamente centos de persoas, tales como a propia casa do Concello, o multiúsos das Pozas ou os pavillóns deportivos.
Gastos suntuarios
A “desidia” do goberno de Nidia Arévalo á hora de cumprir a normativa en materia de protección contra o lume contrasta, en opinión do portavoz do BNG, cun “interese desmesurado” por aprobar “gastos propagandísticos e suntuarios” e pon como exemplo a licitación do renting dun vehículo de alta gama para uso da alcaldía. Barcia denuncia que “o PP ten moita présa á hora de adquirir un coche oficial, pero esquece contratar os servizos de seguridade máis elementais”.