SEGURIDADE VIARIA

O BNG de Mos solicita a instalación de bandas redutoras da velocidade na subida a San Antoíño

O concelleiro Alberto Barreiro insiste na necesidade de “mellorar a seguridade viaria” nun tramo que rexistra un tránsito crecente de automóbiles e peóns.

A veciñanza de Louredo alertou sobre a velocidade excesiva á que circulan moitos vehículos e as características da vía dificultan a visibilidade.

O BNG de Mos solicita a instalación de bandas redutoras da velocidade na subida a San Antoíño

Mos, 21 de maio de 2024. O Grupo Municipal do BNG de Mos vén de presentar un escrito, no rexistro do Concello, no que se insta ao goberno a colocar unhas bandas redutoras da velocidade na estrada que dá acceso á urbanización de San Antoíño dende a igrexa de Louredo. O concelleiro nacionalista Alberto Barreiro presentara xa esta mesma solicitude, a través dun rogo, no pleno do pasado mes de setembro, pero ata o momento a petición non foi atendida pola Concellería de Vías e Obras.

As bandas redutoras, de acordo coa proposta do BNG, deberían colocarse en dirección ascendente xusto antes da rotonda. Tal como indica Alberto Barreiro, trátase dunha intersección “con visibilidade reducida” na que “boa parte dos vehículos circulan a unha velocidade que non é prudencial”. Por outra parte, a posición da rotonda, segundo o concelleiro, “tampouco axuda a que os condutores levanten o pé do acelerador”. 

 

Tráfico en aumento

O lugar rexistra un crecente tránsito de automóbiles e peóns. Aparte de dar servizo ás familias residentes en San Antoíño, un núcleo de poboación que experimentou un notable crecemento de poboación nas últimas décadas, a estrada é utilizada polas persoas que acoden ás actividades do Centro Social de Louredo. É, ademais, a principal saída cara á N-550, en dirección ao Porriño, dende os barrios de Pombal e Torreira, así como un dos accesos empregados pola veciñanza das Regadas, na parroquia de Mos, a través do camiño de Casanova.

O BNG de Mos solicita a instalación de bandas redutoras da velocidade na subida a San Antoíño