ECONOMÍA

O BNG alerta sobre os problemas de liquidez do Concello de Mos e esixe acabar co malgasto

O remanente de tesourería das arcas municipais acadou en 2023 o récord de 1,9 millóns de euros en números vermellos, 800.000 máis que o ano anterior
Gustavo Barcia: “o PP de Nidia Arévalo está totalmente descontrolado e segue aprobando gastos irresponsables como a contratación dun coche oficial”
O BNG alerta sobre os problemas de liquidez do Concello de Mos e esixe acabar co malgasto

Mos, 28 de maio de 2024. O grupo municipal do BNG de Mos trasladoulle ao goberno do PP, no pleno ordinario do mes de maio, a súa preocupación ante a falta de liquidez das arcas municipais. As contas do ano 2023 pecháronse cun remanente de tesourería negativo de 1,9 millóns de euros, unha cifra que supera en 800.000 euros o déficit do ano anterior, marcando un récord histórico para o Concello.

O portavoz nacionalista, Gustavo Barcia, considera “inadmisible” que, nun ano electoral, “o Partido Popular promovese un gasto descontrolado que pon en serio perigo a estabilidade económica do Concello”. Lembra, ademais, que o BNG vén alertando dende hai anos sobre os “problemas derivados da nefasta xestión do goberno de Nidia Arévalo” e solicita “medidas urxentes para pór freo ao malgasto”.

Un dos exemplos máis recentes da “actitude irresponsable” do PP, segundo e Barcia, é a pretensión do goberno de adquirir, mediante un renting de 540 euros ao mes, un coche oficial para a alcaldía. O proceso de licitación fracasou xa en dúas ocasións e o goberno está preparando xa un terceiro intento, a pesar das protestas do BNG e a precaria situación da economía municipal.
 

Consecuencias negativas

Gustavo Barcia advirte de que “a falta de liquidez xa está limitando a capacidade do Concello para apoiar economicamente ao tecido asociativo ou acometer actuacións de interese xeral”. Ademais, este remanente negativo obrigará ao goberno a aplicar un recorte de 1,9 millóns de euros no orzamento do próximo ano ou a buscar fontes de financiamento alternativas. “Esperemos que non nos sorprendan con máis subas de impostos ou novos regulamentos sancionadores irracionais coma o do lixo”, engade Barcia.

A alcaldesa gardou silencio, no pleno, ante o rogo do BNG para acabar co malgasto, exhibindo, en opinión de Gustavo Barcia, “un total desinterese polos problemas económicos do Concello”. O portavoz nacionalista esixe “transparencia” na xestión municipal e lamenta que Nidia Arévalo “priorice as súas ambicións persoais fronte aos intereses da xente de Mos”.

O BNG alerta sobre os problemas de liquidez do Concello de Mos e esixe acabar co malgasto