FESTA LOCAL

O BNG acusa a Nidia Arévalo de actuar “de forma despótica” co traslado da Festa da Rosa

A veciñanza de Petelos expresou o seu malestar ante a decisión, adoptada polo PP de maneira unilateral sen consultar ás forzas da oposición nin ao tecido asociativo

Gustavo Barcia cualifica de “despropósito” a edición deste ano e denuncia que a programación está condicionada “pola situación crítica das arcas municipais”

O BNG acusa a Nidia Arévalo de actuar “de forma despótica” co traslado da Festa da Rosa

Mos, 5 de xuño de 2024. Tras manter unha reunión co tecido asociativo da parroquia de Petelos, o grupo municipal do BNG de Mos puido constatar o malestar que o traslado da Festa da Rosa provocou en boa parte da veciñanza. O goberno municipal decidiu sacar as actividades do seu emprazamento habitual, a carón da Casa do Concello, para levalas á contorna do Pazo de Mos, unha decisión que o PP de Nidia Arévalo adoptou de maneira unilateral, sen consultar previamente aos colectivos implicados na celebración nin ás forzas da oposición.

O portavoz nacionalista no Concello, Gustavo Barcia, acusa ao PP de intentar apropiarse da festa local, “unha celebración que debería ser de toda a veciñanza”. Sinala, en concreto, á alcaldesa, ao denunciar que “fai e desfai ao seu antollo dunha maneira totalmente despótica”. Nidia Arévalo argumentou, no último pleno, que a festa debía cambiar de emprazamento para “seguir crecendo”, pero a programación deste ano é, obxectivamente, menos ambiciosa que a de edicións anteriores. 

Para o BNG, a organización da Festa da Rosa 2024 está a ser “un verdadeiro despropósito”. O calendario de actividades foi revelado con apenas dous días de antelación e, de feito, algúns puntos do programa aínda están pendentes de concreción. Gustavo Barcia denuncia que “o goberno do PP está a actuar dende a improvisación” e cre que a falta de planificación “é un reflexo do crecente desinterese da senadora Arévalo pola política municipal”.
 

Incomodar á veciñanza

Nos últimos días, numerosas voces alzáronse en contra do traslado da festa e manifestaron a súa decepción coa programación. “Non só incomodaron á veciñanza de Petelos”, insiste o portavoz do BNG, “senón tamén ás asociacións que colaboran na organización”. Neste sentido, algúns dos establecementos de hostalería implicados na festa dos BaRes manifestaron o seu desacordo co traslado, atendendo á boa acollida que tiveran, dende o primeiro ano, tanto o evento en si como o emprazamento escollido para a súa celebración, no núcleo das Pozas.

Barcia cre que o traslado crea “un conflito veciñal innecesario” e defende que, despois de varias décadas de celebración, “Petelos xa se consolidou como o punto de encontro de toda a xente de Mos cada 13 de xuño”. Indica, ademais, que “a maior parte da veciñanza non entende a insistencia do goberno en concentrar toda a programación cultural nunha ou dúas parroquias”.

A alcaldesa recoñeceu que había unha motivación económica detrás da decisión de levar a maior parte das actividades á contorna do Pazo. Van utilizar a mesma carpa para todo co obxectivo de aforrar diñeiro e Barcia considera que esta medida de austeridade “pon en evidencia a situación crítica das arcas do Concello”.

En 2023, na véspera das eleccións municipais, o goberno anunciara unha programación estelar con David Bustamante como cabeza de cartel, un dispendio que contrasta cos recortes de 2024. Segundo o portavoz do BNG, “a veciñanza xa está pagando o prezo dos caprichos e o malgasto electoralista do PP de Nidia Arévalo”. 

O BNG acusa a Nidia Arévalo de actuar “de forma despótica” co traslado da Festa da Rosa